Feijóo carga contra o modelo de cidade de Pontevedra e apadriña a permanencia de Ence

Ence-Elnosa en Lourizán [PontevedraViva]

O presidente asegura afirma que a disxuntiva é se a pasteira “segue ou pecha e Galiza fica sen industria transformadora de papel”, descartando o traslado. Francisco Jorquera repróchalle a Feijóo que exerza de ‘’delegado de Ence ” en vez de presidente galego.

 

A Xunta quer que Ence siga en Pontevedra máis alá de 2018. O que nestas semanas eran insinuacións máis ou menos veladas por parte de Núñez Feijóo cobraron forma nesta cuarta feira durante a comparecencia no Parlamento galego para responder as preguntas da oposición. “Ou Ence pecha ou se mantén superando os controis ambientais” expuxo Feijóo como unha disxuntiva na que non cabe a opción do traslado. “Ou Ence en Pontevedra ou Ence fóra de Galiza e ficamos sen industria transformadora de papel”, reiterou o presidente da Xunta na súa quenda de resposta ao portavoz do BNG, Francisco Jorquera, que foi quen nesta sesión puxo sobre a mesa o tema da pasteira. O nacionalista preguntou a Feijóo se a súa única política de industrial e de emprego para Galiza era que seguise Ence.

Mais Núñez Feijóo non só defendeu que Ence seguise senón que aproveitou para criticar que Pontevedra “sexa a cidade galega onde máis sobe o paro” e acusar os seus responsábeis de “andar de viaxe en Dubai e Nova York”, en referenza ás 2 cidades onde se concederon premios a Pontevedra polo seu modelo.

O portavoz do BNG preguntouse até cando” Núñez Feijóo ía exercer “de delegado de Ence en Galiza” e non de presidente galego e inqueriu ao mandatario sobre se a súa postura non se debería a “ter que devolver os favores de Ence por colocar no seu consello de administración unha longa listaxe de cargos do PP”, nomeando a persoeiros populares como Carlos del Álamo ou Isabel Tocino, entre outros. Jorquera lembrou a Feijóo que no programa electoral de 2009 e 2012 o PP apostaba en sacar a pasteira da Ría de Pontevedra e dixo que esta empresa beneficiábase de ocupar dominio público ou dunha rebaixa do 95% no canon da auga.

“Podería vostede vivir con 400 euros ao mes, señor Feijóo?”

Na súa quenda de preguntas, Yolanda Díaz (AGE) referiuse a esas capas de poboación que, malia ter un emprego, non gañan abondo para cubrir as súas necesidades básicas. Un 22% de traballadoras e traballadores que son, dixo Díaz, “estritamente pobres”, unha realidade sobre a cal o presidente da Xunta ten responsabilidade.

“A pobreza é evitábel, pódense facer políticas alternativas” para acabar con ela, sostivo a vice-portavoz de AGE, que lanzou a pregunta: “Vostede podería vivir con 400 euros ao mes, señor Feijóo, como lles pasa a 70.000 galegos?”. O presidente limitouse a dicir que “nada empobrece máis que o paro” e que nestes meses baixara a taxa de desemprego.

O leite

A situación do sector lácteo volveu á Cámara galega, desta vez mediante unha pregunta do portavoz do PSdeG, Méndez Romeu, alertando do desplome dos prezos e do negro futuro para milleiros de explotacións galegas, acusando a Xunta de “non facer nada” malia ter o 90% das competencias na materia.