Feijóo carga contra Venezuela e o independentismo entre aplausos a Baltar

Feijóo

O presidente da Xunta apuntou aos que considera o seus inimigos nun acto en Ourense no que houbo un recoñecemento á figura do condenado ex-presidente da Deputación.

Como líder do PP galego, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou nunha convención da súa forza en Ourense, en Baños de Molgas, na que atacou aos que xa comeza a recoñecer como adversarios políticos directos namentres se aplaudía a un condenado por corrupción.

"É triste que se condene a Baltar por crear postos de traballo", dixo o alcalde Baños sen que Feijóo lle levase a contraria

“As solucións ás dificultades pasadas non están en fotocopiar nin o que fai o Goberno de Venezuela, nin as formulacións dos independentistas en Catalunya nin nos de Rodríguez Zapatero, senón que están no esforzo, aí hai solucións”, dixo Feijóo, apuntando á esquerda e o nacionalismo, ademais de vellas teimas, e pedindo aínda máis sacrificios en pos dunha recuperación que dá por feita malia non ser aínda visíbel.

Pero tamén acabou o acto convertido nunha especie de homenaxe a un antigo cargo público condenado por corrupción, co presidente da Xunta como participante. Entre grandes aplausos,o  alcalde anfitrión de Baños de Molgas, Eladio Mangana, pediu "unidade" no PP e dirixiuse a Feijóo para pedirlle que “non se esqueza de Ourense". "O meu pai político é José Luís Baltar [ex-presidente da Deputación castigado nos xulgados polas súas irregularidades] e é ben triste que condenen a unha persoa por crear postos de traballo”, dixo, nunha frase moi celebrada da que Feijóo non renunciou cando tomou a palabra