Feijóo: “Defenderme? Defenderme de que?”

Feijóo, Louzán, Pachi Lucas

O presidente da Xunta négase a responder sobre a Operación Zeta e pasa ao ataque con desprezo ao xornalismo que lle pregunta.

 

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, amosouse visibelmente molesto cando lle preguntaron pola Operación Zeta, que sinala o seu íntimo amigo Pachi Lucas como “conseguidor” de falsos cursos para unha trama de presunta fraude de fondos públicos. "Defenderme?, Defenderme de que?", resolveu Feijóo en declaracións á axencia Europa Press.

En medio dunha guerra de cifras entre o PP e o PSOE sobre as adxudicacións á trama, o presidente da Xunta quixo sacarse do medio na presentación do novo delegado do Goberno español en Galiza, onde Feijóo contestou con tensión á pregunta.

Fogo graneado

Mas dificilmente poderá Feijóo contornar esta cuestión no futuro. Nesta semana viuse submetido a fogo graneado por parte da oposición no pleno do Parlamento galego, a cuarta feira. Feijóo en ningún momento citou polo seu nome a Pachi Lucas na cámara, mais saíu na súa defensa ao enfatizar que o seu amigo non está imputado na trama.

Feijóo en definitiva nen comparece no Pleno do Parlamento nen permite que se constitúa unha Comisión de Investigación nen tolera ben que se lle pergunte por Pachi Lucas

Con efeito, Pachi Lucas non está imputado, embora os investigadores policiais o consideren unha peza clave na trama. O empresario presuntamente artífice da Operación Zeta, Gerardo Crespo, militante do PP, que se acabou revolvendo non só contra Feijóo, senón tamén contra Negreira, ten denunciado nas súas intervencións ante os meios que Lucas non teña sido imputado e teno atribuído a súa amizade, íntima, con Feijóo.

Foi precisamente Gerardo Crespo o autor da afirmación de que Pachi Lucas vive "ás veces" en Monte Pío, a residencia oficial de Feijóo, e a esta circunstancia apelou esta semana o PSdeG -en concreto Méndez Romeu e Pilar Cancela, secretaria de Organización-. A formación socialdemócrata demandou explicacións a Feijóo de como é posíbel que un particular implicado nunha investigación por presunta corrupción poda pernoctar en instalacións públicas sostidas polos impostos das cidadás e dos cidadáns.

Feijóo en definitiva nen comparece no Pleno do Parlamento nen permite que se constitúa unha Comisión de Investigación nen tolera ben que se lle pergunte por Pachi Lucas.