Feijóo deturpa o debate do estado da Nación ao facer del un alegato contra Catalunya

Empregou a cita política máis importante do Parlamento de Galiza para defender a liña dura contra o proceso catalán. Pediu un acordo da Cámara para censurar o “golpista” goberno catalá e situou a orixe dos problemas no nacionalismo. A maiores, o presidente fixo un longo relatorio no que debuxou unha Galiza no país das marabillas. E non faltaron as promesas: rebaixas de impostos e unha oferta pública de emprego de 14.000 novos postos até 2010.

Non deixou pasar a pelota Núñez Feijóo. Non por acaso colocou o PP o debate do estado da nación na semana posterior ao 1-O. Catalunya protagonizou a primeira media hora do discurso do presidente galego no debate do estado da Nación, a cita máis importante do curso político no Parlamento de Galiza. Un discurso, por outra banda, que en non poucos momentos collía xeitos de diatriba para ser escoitada con gosto alén do Padornelo, en Madrid.

 

As redes sociais dos parlamentares expresaban en poucos caracteres que colleran a medida da estratexia de Feijóo. “25 minutos leva Feijóo falando de Catalunya e non de Galiza no debate de política xeral”, escribía Eva Solla (En Marea, vicepresidenta do parlamento). Xulio Torrado (PSdeG) recollía: “Van 27 minutos de debate e todos utilizados por Feijóo para falar de Catalunya. Está presentando a súa candidatura a algo?”. E Noa Presas (BNG), escribía que “nin 1 minuto de debate e Feijóo xa está falando de Catalunya. Balóns fóra para evitar falar do seu”. Tamén do BNG, Olalla Rodil, expresaba nas redes sociais “Insurrección", "rebelión", "supremacismo", "instigación". As palabras de Feijóo sobre Catalunya. A linguaxe constrúe realidades, lembremos”.

 

Defendemos a nosa sociedade sen poñela entre a espada e a parede dun debate identitario

 

"Dóeme Catalunya"

 

“Dóeme Catalunya”, afirmaba Feijóo para reiterar que “Galiza é España e Catalunya tamén é España”. Cualificou de “golpistas” os líderes cataláns e púxose como baluarte e garantía de que “aquí, en Galiza, non se van cometer os disparates que vemos eses días”. Lembrou que é o único presidente autonómico que goberna con maioría absoluta do seu partido e, chiscadela crítica a Rajoy, que xa ten aprobados os orzamentos, algo que, indicou, aínda non se fixo no Estado.

 

Foi media hora na que o mandatario repetiu a respecto de catalunya os lugares comúns polos que transita o discurso máis radical do PP. Galiza só aparecía no alegato como exemplo de fidelidade a Madrid.

 

O ataque á Constitución por parte do independentismo é un ataque directo á democracia galega

 

Financiamento

 

Esa mesma visión, na que se minusvalora o autogoberno galego, transitou por outras partes do discurso. “Non poñemos Galiza entre a espada e a parede co debate identitario”, pedía, mentres apelaba constantemente a España. Un posicionamento que tamén empregou cando falou do financiamento autonómico, onde anunciou unha cimeira con Madrid e Castela-León para defender posturas comúns. Alertou de quen quere “esnaquizar a irmandade dos pobos de España” e cargou contra as posturas que “imitan o que piden outros”, nun ataque a posicións como a do concerto económico para Galiza.

 

Para Núñez Feijóo, o financiamento debe preservar a “solidariedade” de España para con unha Galiza que non é quen por si propia, dependente do reparto que faga o Estado.

 

Promesas

 

Outro dos eixos da intervención de Núñez Feijóo foi o de Galiza no país das marabillas. Fixo un percorrido polos diferentes sectores económicos (leite, naval, industrial...) oferendo unha enxurrada de datos que, mantiña, amosan que o país avanza e mellora convenientemente. Percentaxes, estatísticas e cifras para asegurar que Galiza sae da crise con máis forza e pulo que o resto do estado. Algo posíbel, encarregouse de enmarcar, grazas á “estabilidade” e “garantía de gobernabilidade” que propicia o seu executivo. Non faltou, claro, o AVE, unha aposta segura nos discursos que dá o presidente. "Nesta lexislatura vaise completar o AVE a Galiza", prometeu. 

 

Dóeme Cataluña. Porque Galiza é España. E porque Cataluña é España

 

Compareceron tamén no debate de estado da Nación os anuncios e promesas destinadas a se fixar nas primeiras planas. A convocatoria de 14.000 novas prazas de oferta público de emprego até 2020, a rebaixa de impostos e exención de taxas ou que a finais de 2018 haberá 60.000 persoas dependentes atendidas; foron algunhas desas propostas lanzadas polo de Monte Pío. Non as únicas, pois prometeu desde aumento do permiso de maternidade para empregados públicos (a 22 semanas) até equipamentos punteiros para hospitais.

 

Tivo tempo inclusive a se referir á “turismofobia”, da que dixo que se sentía abochornado, contrapoñéndolle a “gran oportunidade” que para Galiza representaba o Xacobeo 2021. "O Ano Santo do 2021 chega no mellor momento. Aquí si son ben recibidos os turistas"