Feijóo di en Lugo que as eleccións ao Parlamento serán en outubro

Alberto Núñez Feijóo [Imaxe PP]

Asegurouno á entrada dun encontro coa militancia da provincia, segundo recolle El Progreso.

Alberto Núñez Feijóo sinalou esta segunda feira (11 de abril) ás portas dun encontro coa militancia luguesa que as eleccións ao Parlamento seguirán o rumo previsto e terán lugar en outubro. "Polo momento", non tería pois previsto adiantar os comicios. 

Así o asegurou en declaracións á imprensa recollidas polo diario local El Progreso. No entanto, con anterioridade afirmou que un hipotético adianto electoral "é unha opción". 

Nunha entrevista publicada o domingo 10 de abril sinalaba que o adianto electoral é unha opción que está "riba da mesa"

Así o dixo nunha entrevista concedida ao diario compostelán, El Correo Gallego e que foi publicada este domingo. Porén, na mesma tamén sinalaba que embora estar "riba da mesa" a posibilidade duns comicios adiantados tamén subliñaba o factor determinante que xogan as eleccións ao Congreso español na súa decisión. 

"Non sabemos se haberá eleccións xerais e non gostaría de me precipitar", apuntou. "Comprendo, en todo caso, que os galegos se pregunten se é lóxico que sexan chamados ás urnas en xuño e en outubro". 

Porén, nas súas declaracións esta segunda feira, semella ter claro que non se producirá o hipotético adianto e que Galiza manterá a súa cita electoral como estaba previsto, este outono.