A débeda pública da Galiza duplicouse nos tres anos de goberno de Feijóo

San Caetano, edificios administrativos da Xunta
Francisco Jorquera denuncia que neste período a débeda pasou de 3.200 a 7.700 millóns de euros

O deputado do BNG no Congreso e candidato nacionalista á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, denunciou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo duplicou a débeda pública da Galiza "ao pasar de 3.200 a 7.700 millóns de euros".

En rolda de prensa, tras participar nos 'Almorzos off/on' do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o nacionalista criticou que o PP "trata de substituír a realidade por propaganda". "Profetizou que a recuperación económica empezaría na Galiza, mais a realidade é que a economía galega decrece dende que Feijóo é presidente o dobre que a media estatal", afirmou.

Perante as preguntas d@s xornalistas, Jorquera sinalou que a Convención nacionalista celebrada o pasado domingo en Santiago de Compostela serviu para marcar "unha nova etapa" do partido e que está "máis forte e unido" para ser "a forza política do cambio".

Sobre o posíbel adianto de eleccións, o candidato nacionalista precisou que o BNG está preparado para que os comicios "se celebren cando se celebren". Ao fío disto, sobre as relacións co PSdeG perante un posíbel pacto tras os comicios, Jorquera comentou que as relacións entre os dous partidos son "de respecto" e "fluídas".