Denúnciao Ana Pontón

Feijóo mantivo unha reunión fóra da axenda oficial coa patronal da sanidade privada

Feijóo, nunha conferencia de imprensa

A Lei de Transparencia obriga a que as reunións do presidente da Xunta figuren na súa axenda oficial. Segundo o BNG, Feijóo tería tido un encontro "oculto" co presidente da patronal da sanidade. A formación soberanista liga esta entrevista co posterior "desvío de fondos públicos" a centros privados.

Nunha conferencia de imprensa esta segunda feira, Pontón anunciou que o BNG interpelará Feijóo no Parlamento por ter incumprido a Lei da Transparencia e por "favorecer empresas amigas". O grupo parlamentar nacionalista quer saber tamén se a "axenda oculta" de Feijóo vai resultar no aumento nos vindeiros orzamentos das partidas destinadas a engordar as contas das empresas do sector sanitario privado.

 

Pontón ligou o encontro de Feijóo coa patronal sanitaria coa política desenvolvida polo PP desde que recuperou a Xunta en 2009, caracterizada polos cortes masivos no gasto público: 2.000 millóns de euros menos, 2.000 profesionais menos, 700 camas desmanteladas e o aumento en máis de 20.000 persoas das listas de agarda durante os últimos catro anos.

 

O obxectivo da "axenda oculta" de Feijóo -denunciou Pontón- é o afondamento na privatización da sanidade pública, da que sería un exponente a proposta de reforma da lei de sanidade da Galiza, en función da cal se reducirían o número de áreas sanitarias (as actuais 11 pasarían a ser apenas 7).

 

O recurso á sanidade privada non é solución para mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos, alegou a líder do BNG, como demostraría o feito de POVISA -o hospital privado que atende a área sanitaria de Vigo- duplicar "as listas de agarda cirúrxicas dos centros públicos galegos".