Feijóo multiplica por catro a oferta de emprego público en pleno ano electoral

Convocará 1.163 prazas para persoal sanitario, docencia e administración xeral.

Ano de eleccións e Feijóo abre a billa das ofertas de emprego público. Simple coincidencia ou ‘pensa mal e acertarás’? O presidente da Xunta anunciou esta quinta feira a “maior” oferta de emprego público no noso país desde a chegada ao poder do PP, en 2009. Un total de 1.163 novas prazas: 446 para docencia, 344 para sanidade e 373 para a administración da comunidade.

Cando faltan menos de catro meses para a cita coas urnas nas municipais, Feijóo anunciou que a administración autonómica vai esgotar as novas taxas de reposición permitidas polo Estado español: un 50% en vez do 10% do que se falara inicialmente.

O presidente galego xa adiantou que no que atinxe á administración xeral vai apostarse no emprego en áreas como a de asesoramento xurídico, gardacostas ou inspección urbanística, entre outras.