Feijóo usa Bildu para desviar a atención sobre a contra-reforma do aborto

[Imaxe: © Ljr]

''Sobre a vida hai distintas concepcións e eu non iría nunca nunha coligación con Bildu''. Foi así como respondeu o presidente da Xunta ás preguntas formuladas por BNG e PSdG-PSOE a respeito da contrarreforma da lei que se prepara en Madrid. 


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, botou man da coligación eleitoral conformada polo BNG e EH Bildu para as eleccións europeas para botar balóns fóra nas preguntas que as catro forzas da oposición no Parlamento galego lle formularon a respeito da contrarreforma da lei do aborto. 

''Sobre a vida hai distintas concepcións e eu non iría nunca nunha coligación con Bildu'', espetou Feijóo cando tomou a palabra para responder de maneira conxunta todas as cuestións formuladas por BNG, AGE e PSdG-PSOE, insinuando que o Bloque irá a Europa da man dunha organización política que, ao entender do PP, non respectaría o dereito á vida. 

Así as cousas, Feijóo apelou a un "consenso intelixente aínda que sexa de mínimos" a respeito do anteproxecto filtrado polo Goberno español e que non foi presentado aínda nen no Consello de Ministr@s. Se a anterior era a resposta con que esquivaba preguntas lanzadas polo nacionalista Francisco Jorquera --como se "de verdade pensa que un óvulo fecundado ten os mesmos dereitos que unha muller?"-- ao voceiro do PSdG-PSOE, José Luis Méndez Romeu, respondeulle, directamente, cunha mentira.

A lei de 2010 foi aprobada pola maioría d@s deputad@s no Congreso

Dixo Feijóo que a reforma que na lei do aborto se acometeu en 2010 "nen a levaban no programa nen conseguiron o consenso das Cortes". Porén, o texto da lei foi aprobado por 184 votos a favor no Congreso d@s deputad@s --oito por riba da maioría absoluta-- e aparecía incluido no programa con que José Luis Zapatero se presentou ás eleccións "coa finalidade de garantir a calidade no acceso e a calidade desta prestación sanitaria, tal e como aparece no devandito documento. 

Finalizada a intervención de Feijóo, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, encetou a interpelación ao presidente da Xunta --sobre corrupción-- recomendándolle un libro, O contrato sexual, sobre o control das mulleres a través da sexualidade. Malia que o mandatario galego misturou as eleccións europeas co aborto sen que ninguén o chamase á orde, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, si lle esixiu a Díaz que se centrase no tema da súa pregunta.