23-X

Feixoo apela á súa xestión na Xunta para venderse como "un presidente de fiar"

O mitin final de Alberto Núñez Feixoo foi na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
"Vir aquí e dicir que queremos unir aos españois é porque nos dedicamos durante unha década longa a unir aos galegos", dixo, desde A Coruña, no mitin final.

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, fechou campaña na súa terra poñendo por "testemuña" o seu labor á fronte da Xunta da Galiza durante case 14 anos e pediu o voto ao PP para ser un "presente de fiar" de todo o Estado español. Arroupado por unhas 6.000 persoas, segundo o PP, Feixoo realizou o seu paseo de entrada ao mitin na chaira de Palexco, na Coruña, ao ritmo da música de Europe The final Countdown.

Previamente, tomaron a palabra o candidato número un ao Congreso pola provincia da Coruña e vicesecretario de Territorial, Miguel Tellado, e o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, quen dixo que o país estará "agradecido de que o 'sentidiño' de Feixoo chegue a toda España".

Na súa intervención, e despois de que a recta final de campaña PSOE e Sumar situasen no foco as súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado, Feijóo explicou que quixo acudir á Galiza para exhibir "unha xestión responsábel" e "poñer por testemuña a Galiza" de que a fixeron.

"Vir aquí e dicir que queremos unir aos españois é porque nos dedicamos durante unha década longa a unir aos galegos. E é vir aquí e dicir que quero ser un presidente de fiar porque tentei con todas as miñas forzas ser un presidente de fiar desde o primeiro día que xurei o cargo como presidente da Xunta até o último día que tiven que abandonalo", proclamou.

Neste punto, sinalou que os galegos son os que "mellor" lle coñecen. "Coñecédesme mellor que en ningún outro lugar de España cos meus defectos, cos meus erros. Sabedes tamén o que se pode esperar de min", afirmou, para defender "menos tensión e máis moderación", "menos personalismo e máis interese xeral", "menos división e máis unidade". "E menos eu, eu, eu, eu e máis nós, nós", resaltou.

Con este acto, Feixoo pon o broche final a unha campaña que lle levou por todo o Estado, coa mensaxe central de "derrogar o sanchismo" e apelar a voto útil para que haxa un Goberno sen "intermediarios" e "dunha peza", así como para que non haxa "bloqueo" a partir do 23 de xullo.