Felipe VI comeza con secretismo, privilexios e acenos cariñosos aos sectores máis ultra

O anterior e o presente rei.

O novo monarca español promete transparencia, pero non desvela quen foi á recepción do día en que se coroou. Ademais, as súas primeiras reunións foron cos sectores máis fechados das vítimas de ETA e coa Igrexa, namentres chega ao Congreso a privilexiada protección legal para o seu pai.

As grandes palabras que acompañaron a operación política da proclamación de Felipe VI como novo rei de España apenas demoraron minutos en quedar en evidencia. Ademais da represión policial que se viviu en Madrid contra sectores republicanos -que xa negaba esa frase de que “aquí cabemos todos”- o certo é que esa transparencia á que tamén fixo alusión o novo monarca no seu discurso no Congreso non apareceu por ningures unha vez rematou a cerimonia.

Non hai información oficial sobre a identidade d@s 3.000 convidad@s ao pazo real o día da proclamación, case todos representantes dos poderes

A Casa Real négase a facer pública a listaxe de case 3.000 convidad@s que participaron na recepción no Pazo Real, pagada con fondos públicos. Ese secretismo só se pode entender desde o medo á que fique demasiado evidente que non se trataba dun xesto a “representantes da sociedade”, senón a “representantes do poder”, que non é o mesmo. Os cartos que custaron todos os fastos tampouco entran na “transparencia” prometida, polo de agora.

Canto ao suposto discurso de inclusividade, o certo é que as primeiras xuntanzas do rei -programadas con simbólica intención- tamén demostran un nesgo ideolóxico moi concreto. Primeiro, @s vítimas do terrorismo, onde o protagonismo foi para os seus grupos e voceir@s máis ultras, contrarios a calquera proceso de paz e que destacaron nas manifestacións unionistas da pasada década, así como polo seu anti-nacionalismo. A maiores, entre as persoas convocadas non había vítimas de grupos como o GAL ou outros de carácter para-policial que foron sufragados con diñeiros dos fondos reservados. Precisamente desde Euskal Herria unha asociación de Gudaris do 36 preguntoulle ao novo monarca se pensa recibir as vítimas do franquismo, algo que o seu pai nunca fixo.

Unha asociación vasca pregúntalle a Felipe VI se vai recibir ás vítimas do franquismo, algo que nunca fixo o seu pai

A seguinte reunión de Felipe VI será coa cúpula da Igrexa católica no Estado, tamén coñecida polo seus pronunciamentos políticos reaccionarios, como contra o aborto ou os dereitos da muller.

Aforado

Por outra parte, esta mesma semana comeza no Congreso de Madrid o proceso para aforar e protexer legalmente -e a toda présa, por razóns que se descoñecen- ao antigo monarca, Juan Carlos I, e a súa esposa, nun procedimento de dubidosa legalidade e que mesmo podería abranguer a súa vida privada, o que desmente por completo calquera igualdade cidadá a respecto da lei, outra famosa frase de discurso borbónico que os feitos contradin. Nestes días, por certo, podería confirmarse a imputación da súa filla Cristina pola presunta corrupción do caso Nóos, cuxa orixe diversas informacións sitúan na Zarzuela.