Fernández de Mesa, ‘Cuco’: dos anos de ferro como falanxista a privilexiado das portas xiratorias

Arsenio Fernández de Mesa y Díaz del Río vén de ser colocado polo goberno de Mariano Rajoy en Rede Eléctrica, cun salario que supera os 150.000 euros. É o novo destino deste ferrolán que acumula ‘ex’ (ex-tenente de alcalde, ex-deputado, ex-delegado do goberno, ex-director xeral da Garda Civil...) e cun  pasado naquel Ferrol dos 70 no que ‘patrullas’ de extrema dereita ían á caza de ‘roxos’.

Unha vogalía no consello de Rede Eléctrica é, por agora, o novo posto no que recala Arsenio Fernández de Mesa y Díaz del Río (Ferrol, 1955), vástago dunha familia de militares e almirantes que vai cobrar agora máis de 150.000 euros ao ano grazas a unha desas voltas de portas xiratorias que favorecen sempre aos mesmos. Fernández de Mesa ten así un cargo máis que engadir a un currículo que comezou cun ‘modesto’ (para unha familia de tal estirpe) oficial de segunda na xunta do Porto de Ferrol. Desde aquela, foi concelleiro, tenente de alcalde, deputado, delegado do goberno español en Galiza e director xeral da Garda Civil.

O mozo Fernández de Mesa, ‘Cuco’ ou ‘El estirao’, curtiuse naquel Ferrol de mediados dos 70. Contouno, entre outros, o xornalista e escritor galego Anibal Malvar no xornal Público. Como Fernández de Mesa era unha peza naquel escenario de patrullas de inspiración paramilitar que a extrema dereita montaba na cidade para amedrentar sindicalistas, ‘roxos’ e ‘separatistas’. Foi tutelado por Jesús Suevo, un dos fundadores en 1935 da sección galega da Falange Española. O espírito daquela mantívoo Suevo nas patrullas fascistas dos anos 70 en Ferrol. No patio do colexio Tirso de Molina reuníanse nas segundas feiras persoas de extrema dereita para saír a ‘patrullar’ nunha cidade de cerne obreiro e gran axitación sindical e política de esquerdas . Ían ben pertrechados os do somatén: paus, cadeas e até pistolas, segundo o relato de Malvar.

As súas batidas tiñan a impunidade que daba a complicidade das forzas de seguridade. En maio de 1977, case dous anos despois da morte do ditador, Fernández de Mesa estivo ataviado de falanxista nun acto en Cedeira. A esta vila desprazáranse falanxistas varios para inaugurar un monumento a Franco nunha vila que coñecera a represión a sangue e lume no 1936 a mans dos franquistas.   

Carreira política

‘Cuco’ comeza a aproximarse as organizacións que, nos primeiros anos post-morten de Francisco Franco, comezan a nacer para, adaptándose ao novo escenario, manter as esencias da dereita española pura e dura. Xermes de onde sairía Alianza Popular. En 1983 é elixido concelleiro en Ferrol, posto que ocuparía durante case unha década. Foi tenente de alcalde da cidade de 1987 a 1989. Nese ano é eleito deputado pola provincia da Coruña.

No ano 2000 Aznar nomeouno delegado do goberno español na Galiza, posto que exerceu, lembran os críticos, con talante propio de virrei nas colonias. Inquina especial para todo aquilo que arracendese a defensa de Galiza como nación. Cando o desastre do ‘Prestige’, Fernández de Mesa deixou como delegado frases para a historia. “Probabelmente o fuel non toque a costa galega” foi unha delas. “Hai unha cifra clara e é que a cantidade que se verteu non se sabe” é digna de figurar entre as expresións enigmáticas do seu amigo Mariano Rajoy.

Derrotado o PP no estado, ‘Cuco’ volve ser deputado, posto que ocuparía até 2012. Mariano Rajoy noméao director xeral da Garda Civil. En tal cargo mentiu, por exemplo, no que aconteceu na praia do Tarajal, onde morreron 15 inmigrantes que tentaban chegar a nado á costa de Ceuta. Fernández de Mesa negou que a Garda Civil empregase balas de goma e botes de fume contra esas persoas. O que si fixo, como se acabou amosando.

Mais esa mentira non acabou coa carreira política deste amigo de Mariano Rajoy. A súa soberbia ao posar como un xeneral do século XIX para o retrato oficial da galería da Garda Civil púxoo na porta de saída do cargo. Mais iso non significou que ficase só e abandonado. Unha porta xiratoria estaba a agardarlle.