Ferraz modifica as candidaturas do PSdeG para o 25S

Leiceaga e Pilar Cancela

Pon en postos de saída a Patricia Vilán, portavoz socialista no Parlamento galego nestes meses, e a Gonzalo Caballero, enfrontado ao seu curmán, Abel Caballero.

O comité federal do PSOE modificiou, tal e como se prevía, as candidaturas aprobadas nos comités provinciais de Pontevedra e Ourense para as eleccións do 25 de setembro. Non tocou as de A Coruña e Lugo, listas que foron da conformidade da nova ponte de mando socialista, dirixida por Leiceaga. Mais nas candidaturas do sur, onde prevaleceron as posicións dos sectores críticos, Ferraz optou por meter bisturí para situar en postos de saída nomes que inicialmente ficaban á marxe.

Así, na lista de Pontevedra se ben o PSOE acepta manter no primeiro posto a Abel Losada, eleva ao nº2 a Patricia Vilán, un dos apoios de Leiceaga no Parlamento de Galiza, onde exerceu nestes meses de portavoz do grupo socialista. Na terceira praza introduce Julio Torrado, de Vilagarcía. E no quinto posto a Gonzalo Caballero, enfrontado con Abel Caballero, alcalde de Vigo. Sobre este se centran agora os focos pois reiterou as chamadas nestes días a Ferraz para que non tocase as candidaturas aprobadas nos comités provinciais. Unha postura que contou, en Pontevedra, co apoio de alcaldes e un bo feixe de agrupacións locais do PSdeG.

En Ourense, o comité federal sube do quinto a terceiro posto a Carmen Rodríguez Dacosta, desprazando dese posto a María Quintás, ligada ao sector de Pachi Vázquez. Dacosta, pola súa banda, é unha das principais partidarias de Leiceaga na provincia ourensá.