Ferreiro asina a convocatoria da cuestión de confianza "canso" de que o tomen "polo pito do sereno"

Xulio Ferreiro

A cuestión de confianza na Coruña comeza a esgotar os prazos. Xulio Ferreiro, alcalde e líder da Marea Atlántica, asinou esta segunda feira a convocatoria do pleno en que se irá debater a moción, vinculada á aprobación dos orzamentos municipais.

O Pleno da Coruña vivirá este sábado (apartir das 12.30 horas) o debate dunha cuestión de confianza se durante a semana non se alcanza un acordo in extremis entre a Marea Atlántica e o PSdeG.

As posicións continúan distantes e enquistadas, cun veto non explícito, mais real, da Marea Atlántica á concelleira do PSOE Mar Barcón.

Ferreiro non pronuncia a palabra veto -até nega que exista- mais a seguir admite que demandou ao PSOE que á hora de propor nomes para o acordo facilitasen o escenario para a entente. Dito doutro xeito: que non propoña un nome que con toda seguridade sería vetado na asemblea da Marea Atlántica, o órgao que tería en último termo que aprobar o acordo.

A tese oficial da equipa de Ferreiro é que o PSOE foi desleal durante as negociacións ao apresentar o acordo á imprensa antes de que este estivese fechado e por un monto económico moi afastado do real (14,4 millóns de euros face os 1,5 comprometidos, sempre segundo a versión da Marea Atlántica).

O acordo -selado en primeira instancia após unha maratoniana reunión a cuarta feira pasada, roto ao día seguinte- consistía en que un grupo de concelleiras e concelleiros do PSOE asumirían a xestión ("coxestión", prefire dicer a Marea) de proxectos do executivo local sen que isto significase a súa entrada formal no goberno.

Ferreiro explicou hoxe moi graficamente as razóns que o empurran a botar man do recurso da cuestión de confianza.

"Eu a verdade que estou un pelín cansado de que se pense que ao alcalde da Coruña se lle pode tomar polo pito dun sereno. Iso é o que nos leva a convocar a cuestión de confianza. E apartir daí o Partido Socialista o que ten que demostrar é que vai en serio á hora de estabelecer ou de dicer que podemos traballar xuntos", dixo.

Se o goberno local (que só ten 10 escanos sobre 27 no Pleno) perde este sábado a moción, abriríase un prazo dun mes para a oposición apresentar unha moción de censura cunha candidata ou candidato alternativo. De non o facer, entenderíase outorgada a confianza ao alcalde e o proxecto de orzamentos ficaría aprobado automaticamente.