Ferrol, un goberno en minoría pendente dun ditame de Ferraz e exposto a unha censura

Jorge Suárez

A crise do goberno local de Ferrol está lonxe de se fechar. Neste momento dispón no pleno de apenas 8 votos sobre 25. Esta segunda feira, deu aprobado un expediente modificativo de crédito grazas ás abstencións de PP e BNG.

A rotura do pacto entre Ferrol en Común e o PSOE aboca o goberno municipal liderado por Jorge Suárez a tentar gobernar a cidade con apenas 8 escanos, os 6 da confluencia e os 2 de dúas concelleiras eleitas na candidatura socialista e que foron expulsas do grupo municipal que ten como cabeza visíbel Beatriz Sestayo.

A precariedade do goberno de Ferrol en Común é tal que esta terza feira tivo que botar man das abstencións do PP (11 escanos) e do BNG (2) para tirar adiante un expediente modificativo de crédito por valor de 835 mil euros. 

O expediente -que fora rexeitado días atrás ao ser votado en contra por PP e polo PSOE (que agora retén 3 dos 5 escanos cos que comezou o mandato)- tivo o apoio de Ferrol en Común, as 2 concelleiras eleitas na candidatura socialista que se manteñen no goberno e a edil de Ciudadanos.

Jorge Suárez afirmou que vai manter as competencias das concelleiras expulsas do grupo municipal socialista “á espera de que Ferraz decida a situación” após a rotura entre as edís do PSOE.

Unha das concelleiras, María Lemos, non milita no PSOE, foi como independente na lista liderada por Sestayo. Destarte, non estará afectada polo ditame de Ferraz. A outra, Rosa Méndez, con competencias en urbanismo, si é afiliada ao partido socialista e foi tildada de “tránsfuga” polos seus ex compañeiros esta segunda feira, no curso do pleno en que se aprobou o modificativo de crédito.

No curto prazo non parece probábel que o PP se plantexe unha moción de censura que dependería da abstención do PSOE

Fontes de Ferrol en Común consultadas por Sermos apontan que non estaríamos en ningún caso perante un episodio de transfuguismo porque as concelleiras expulsas do grupo socialista si estarían a cumprir escrupulosamente co pacto de goberno asinado no seu día co PSOE, e non así os edís que se manteñen leais a Sestayo.

En todo caso, falta por saber que faría Rosa Méndez se finalmente a decisión de Ferraz é expulsala do partido.

Fixer o que fixer o PSOE, a ameaza da moción de censura paira sobre o concello. A direita tería neste momento 12 escanos (11 do PP e 1 de Cs) sobre 25. Bastaría que o PSOE se abstivese, como no Congreso dos Deputados, para tombar o goberno de Suárez. Porén, non parece probábel que o PP vaia facer iso no mínimo no meio prazo.