Rexeita as peticións de anulación do xuízo

A Fiscalía considera “abrumadoras” as probas contra o PP e os autores da trama Gürtel

A fiscal do caso Gürtel, Concepción Sabadell, rexeita as peticións de anulación do xuízo formuladas quer polos acusados quer polo propio PP, imputado por se ter lucrado grazas a esta trama de corrupción. O Ministerio Público atribúelle á formación conservadora delitos de suborno e malversación.

O PP fusilou os argumentos dos acusados da Gürtel ao demandar tamén canda eles a anulación do xuízo en que se formulan cargos contra a formación liderada por Rajoy na súa pretensa condición de partícipe a título lucrativo.

Quer o PP quer a organización liderada por Francisco Correa e por Pablo Crespo -ex secretario de Organización do PP galego- argumentan que as gravacións do ex concelleiro do PP José Luis Peñas a partir das cales se destapou a trama foron obtidas de forma ilegal e que, portanto, todo o caso debería ser anulado. Unha argumentación deste tipo bastou no seu día para o PP ser exonerado de toda responsabilidade no precedente da Gürtel, o caso Naseiro.

A Fiscalía non concede ningunha lexitimidade a estes argumentos e considéraos como “mera descualificacións” que só pretenden socavar as “abrumadoras probas” que existirían, na súa opinión, quer contra o PP quer contra os acusados.

A fiscal argüe que a chave do caso non son as gravacións, senón o testemuño do concelleiro que nelas se conteñen. Entende o ministerio público que de acordo coa investigación o PP se ten beneficiado “en máis de 245.000 euros dos delitos de suborno e de prevaricación”.

Aliás, salienta que na fase de instrución xa ficou clara a legalidade das gravacións e o feito de que non conculcaban os dereitos fundamentais das persoas acusadas e, por extensión, do Partido Popular.