A Fiscalía da Audiencia Nacional considera probada a existencia dunha “caixa B” no PP

Barcenas

Anticorrupción solicita 85 anos de cárcere para Pablo Crespo, o que foi dirixente do PP en Galiza e conselleiro de Portos con Feijóo, así como 109 para Francisco Correa e 42 para Luis Bárcenas, durante anos tesoureiro da formación.

A Fiscalía da Audiencia Nacional apunta no seu escrito de acusación sobre o 'caso Gürtel' que o Partido Popular (PP) tivo entre 1999 e 2005 unha "contabilidade paralela" ou "caixa B" constituída por "donativos que incumprían a normativa de financiamento dos partidos políticos e que eran efectuados por persoas relacionadas con entidades beneficiarias de importantes adxudicacións públicas".

O PP e Ana Mato terán que responder como partícipes a título lucrativo

Así mesmo, o escrito de acusación tamén detalla que entre 1999 e 2009 o presunto líder da trama 'Gürtel', Francisco Correa, liderou, coa asistencia do seu número dous -o ex-secretario de Organización do PP de Galiza Pablo Crespo, conselleiro de Portos algúns deses anos grazas ao partido, xa con Feijóo en postos de responsabilidade- "un entramado societario e persoal dirixido a enriquecerse ilicitamente con cargo a fondos públicos".

Así, a Fiscalía Anticorrupción solicita 109 anos de cárcere para Francisco Correa, presunto líder da trama. Así mesmo, pide 42 anos e medio para o ex-tesoureiro do PP Luís Bárcenas por cinco delitos que presuntamente cometeu durante a "primeira época" de actividades da rede. 

A pena máis alta solicitada polo Ministerio Público no seu escrito, de 507 páxinas, é para Francisco Correa, que podería ser condenado a 109 anos e dez meses de cárcere por asociación ilícita e fraude, entre outros delitos. Crespo podería ser condenado a un total de 85 anos e medio de cárcere. A Fiscalía tamén reclama que o Partido Popular e a ex-ministra de Sanidade Ana Mato respondan como partícipes a título lucrativo dos delitos investigados.