A Fiscalía frea o procesamento do ‘superdelegado’ de Feijóo en Ourense

Rogelio Martínez xunto a Feijóo (Foto: Xunta)

A denuncia presentada polo BNG contra Rogelio Martínez, acusado de presunta malversación, fraude, falsidade documental e prevaricación continuada, segue a encontrar obstáculos nove anos despois. Nesta ocasión, paralízase até que Facenda remita un informe patrimonial.


O procesamento de Rogelio Martínez, o ‘superdelegado’ e home de confianza do presidente Alberto Núñez Feijóo en Ourense, paralízase de novo. A causa aberta contra Martínez acumula nove anos de obstáculos dende que o BNG o denunciara por presunta malversación, fraude, falsidade documental e prevaricación continuada, durante o seu mandato como alcalde de Arnoia. 

O ‘superdelegado’ de Feijóo foi imputado, xunto a outras nove persoas, polo suposto uso fraudulento de fondos da Unión Europea para proxectos que nunca se fixeron. 

Nesta ocasión, a Fiscalía freou a apertura dos xuízos orais por falta dun novo informe patrimonial de Facenda, segundo informa ‘El País’. O ‘superdelegado’ de Feijóo foi imputado, xunto a outras nove persoas, polo suposto uso fraudulento de fondos da Unión Europea para proxectos que nunca se fixeron. 

O ministerio fiscal pediu en dúas ocasións o arquivo da causa porque, segundo apuntou, os delitos terían prescrito e as cantidades non acadarían o mínimo para ser consideradas delito. Mais a Audiencia Provincial de Ourense resolveu en xuño do ano pasado a apertura de xuízo oral. Tombou os numerosos recursos presentados polos dez imputados, entre eles, tres peticións de Martínez para o sobresemento do caso.

Malia que a investigación está pechada dende hai ano e medio, a Audiencia terá que agardar pola informe de Facenda, sen o cal, non pode formularse o escrito de cualificación para determinar a responsabilidade de cada imputado.