Xustiza

A Fiscalía denuncia o alcalde de Ourense polos audios sobre presuntas irregularidades

Unha cámara captando o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Agostime / Europa Press)
Chegaron a difundirse audios nos que se lle pode escoitar tratando, supostamente, de convencer dous funcionarios de asumiren unha multa imposta ao seu coche oficial.

A Fiscalía de Ourense vén de presentar unha denuncia nos xulgados en relación cos audios do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome, difundidos hai máis dun ano nos que o rexedor fala da suposta comisión de varias irregularidades por parte do seu propio Goberno.

Diferentes xornais publicaron hai algo máis dun ano audios que poderían comprometer Pérez Xácome por presuntas irregularidades. Por exemplo, chegaron a difundirse audios nos que se lle pode escoitar tratando, supostamente, de convencer dous funcionarios de asumiren unha multa imposta ao seu coche oficial, ou conversas sobre supostos 'enchufes' de asesores e posíbeis doazóns irregulares para a súa campaña electoral.

No seu momento, os grupos municipais de BNG, PP e PSOE no concello ourensán presentaron senllas denuncias ante a Fiscalía por se, desas gravacións, puidese inferirse a comisión de diversos delitos, como os de prevaricación, falsidade ou malversación. As denuncias fóronse acumulando e abríronse dilixencias de investigación.

E esta cuarta feira o Ministerio Público notificou que dá por concluídas esas dilixencias e confirma a presentación dunha denuncia no xulgado, aínda que non transcenderon os posíbeis delitos que se lle imputan ao alcalde.