Xustiza

A Fiscalía solicita que se retire o carné de conducir durante un ano a Baltar

José Manuel Baltar, nos xulgados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
O senador do PP foi 'cachado' conducindo a 215 km/h pola autovía ao volante dun coche da Deputación de Ourense.

A Fiscalía do Tribunal Supremo solicitou esta sexta feira que se prive de conducir vehículos de motor durante un ano e un día, ademais do pagamento dunha multa de 1.800 euros, ao senador do PP José Manuel Baltar polo delito contra a seguridade viaria que se investiga actualmente, por presuntamente conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora na autovía A-52 nun tramo no que a velocidade máxima era 120 quilómetros por hora.

Así consta no escrito de acusación do Ministerio Público, no que se pide que durante a vista oral deberán comparezan, ademais de Baltar como acusado, os gardas civís de Tráfico que realizaban o control de velocidade nesa estrada. Esta mesma semana transcendeu que a xuíz instrutora Ana Ferrer decidía envialo a xuízo a pedimento da Fiscalía, despois de que o pasado xuño propuxese xulgar o senador, que conta coa condición de aforado. Deulle un prazo de dez días para que presente o seu escrito de defensa.

Ferrer explicou en xuño que, aínda aplicando a marxe de erro de 5% que estabelece a normativa sobre control metrolóxico do Estado, o resultado lanzado é de 204 quilómetros por hora, o que segue estando por riba da velocidade máxima permitida nese tramo da autovía.

A maxistrada concluíu entón que os feitos poderían ser constitutivos dun delito contra a seguridade viaria, que o Código penal castiga con pena de prisión de tres a seis meses, coa de multa de seis a 12 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días. En calquera caso, apunta, se fose condenado quitaríaselle o carné de conducir de 1 a 4 anos.

Baltar nega os feitos

Ferrer actúa contra Baltar tendo en conta que o Senado aprobou o suplicatorio e de que este xa compareceu voluntariamente ante o Supremo o pasado 19 de decembro para negar que conducise a esa velocidade. "Non existiu en ningún momento unha velocidade superior a 200 quilómetros por hora", dixo o seu avogado, Ramón Montero, en declaracións á prensa.

Os feitos polos que se investiga o senador popular remóntanse ao 23 de abril de 2023, cando foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos (Zamora), ao volante dun coche da Deputación de Ourense. Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentou ante os xulgados da Galiza un escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal.

A Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, o que se traduciría nuns 1.800 euros. O Ministerio Público tamén reclamou un ano e un día de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores para o dirixente do PP. O xulgado de instrución acordou a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade. Pero, unha vez acreditada a condición de senador designado polo Parlamento da Galiza, inhibiuse e enviou as actuacións ao Supremo.