Formoso cambia de posición e cuestiona agora derrubar a cheminea das Pontes

Vista da central térmica das Pontes (Eume). (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os grupos políticos con representación no Concello das Pontes (Eume) e a Plataforma en defensa do patrimonio industrial das Pontes asinaron onte un acordo polo que se comprometen a traballar pola "declaración da cheminea da central térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC)".

Na mesma dirección, urxen a creación dunha comisión formada polo Concello, a Xunta da Galiza, Endesa e mais a Plataforma para "definir o compromiso para o seu mantemento e posta en valor, avaliar a compatibilidade co uso industrial actual e estabelecer os elementos mínimos a conservar e as condicións para a súa preservación".

O acordo para o mantemento da cheminea da central térmica das Pontes formalízase após unha intensa campaña social liderada pola Plataforma en defensa do patrimonio industrial, da que fan parte o PP e o BNG. Neste sentido, o compromiso adoptado onte prodúcese tras un cambio de postura por parte do PSdeG, formación que goberna na localidade e que durante este tempo apoiou o derrubamento da cheminea.

Tanto é así que o Executivo local, presidido por Valentín González Formoso, chegou a outorgar a Endesa a licenza de obra para a demolición da cheminea. Asemade, o Partido Popular ten rexeitado no Parlamento da Galiza a declaración deste elemento como ben de interese cultural.

O documento pactado entre as formacións políticas das Pontes e Plataforma en defensa do patrimonio industrial considera que "a declaración da cheminea como BIC non só asegurará a súa protección para as xeracións futuras, senón que tamén permitirá o seu aproveitamento para novos fins de interese", propondo, entre outros, o seu uso como "miradoiro panorámico, torre de comunicacións, centro de captación de enerxía ou mesmo para o turismo industrial, achegando un valor engadido á comunidade e mais a súa contorna". Na mesma liña, sinala que "a cheminea das Pontes é un referente visual e emocional para a comunidade local".

A declaración da cheminea das Pontes como BIC depende agora da súa aprobación por parte da Xunta da Galiza, que deixou decaer unha expediente nesa dirección aberto en xuño de 2022 a instancias da Dirección Xeral de Patrimonio.