Formoso ve "nerviosismo" no Partido Popular de cara ás eleccións do 28-M
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou esta segunda feira que percibe "nerviosismo" no Partido Popular ante as eleccións municipais. Uns comicios, dixo, "moi difíciles para eles" [o PP], xa que as perspectivas da formación socialista para o 28-M son "francamente boas". Formoso entende que a "marca Núñez Feixoo" non está contribuíndo a mellorar a situación no PP, xa que "cada vez que fala sobe o pan".
Fronte a un PP que só depende do tirón de Feixoo, dixo, e que por iso se está debilitando, o secretario xeral do PSdeG resalta que eles teñen "unha equipa que está traballando arreo, que cada vez estamos máis fortes e que temos por diante a ilusión de alcanzar un importante respaldo nas municipais".
Deputación
Ademais, e ante as declaracións do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, esta fin de semana sobre que "non pasa nada" se o PP non gaña a Deputación da Coruña, Formoso asegurou que "está ben que se poñan a venda antes que a ferida". Formoso é o presidente da entidade provincial coruñesa.