Por que Edmundo González e Felipe VI estarán esta semana na Galiza?

Edmundo González e Felipe VI. (Fotos: Europa Press / Contacto / Jimmy Villalta e Concha Ortega Oroz / Europa Press)

O foro económico neoliberal do grupo Hotusa teima na súa sexta edición, que decorre do 3 ao 5 de outubro, en deturpar o topónimo da illa do Grove.

O rei español Felipe VI presidirá a inauguración do VI Foro A Toxa, que teima en empregar o topónimo deturpado desta illa do Grove (Salnés) -a organización do evento denomínao Foro La Toja-, e que decorrerá entre o 3 e o 5 de outubro. Esta edición estará centrada na competividade europea, na liña das directrices do informe Draghi.

O foro tamén "será o escenario da primeira intervención en público” desde a chegada ao Estado español “do candidato gañador das eleccións en Venezuela, Edmundo González Urrutia", dixo o fundador do foro e presidente da fundación desta cita, Amancio López, no programa 'Converses' de Cope Catalunya i Andorra, este sábado 28 de setembro.

Explicou que "aínda queda por confirmar se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asistirá á clausura, a sexta feira, día 5", informou a cadea organizadora, Hotusa, nun comunicado.

Esta edición do foro será a primeira que se organice ao completo sen Josep Piqué, que fora ministro co PP de José María Aznar, e que foi impulsor do foro. Faleceu o 6 de abril do ano pasado, meses antes da celebración da pasada edición do foro. A pesar desta ausencia, López reivindicou que se mantén o seu enfoque, aínda que "tratando de facelo máis global, e buscar a súa internacionalización, con relatoras e relatores de distintas partes do mundo".

Premio para Borrell

Por outra parte, o membro do comité organizador do evento, Jordi Alberich, explicou que este ano se entregará o premio homenaxe Josep Piqué ao aínda alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell, que estará presente no foro. "Demostrou ter a coraxe e a audacia que piden os cidadáns aos políticos", explicou Alberich, que destacou o “bo facer” de Borrell (PSOE) en momentos extraordinariamente difíciles, nas súas palabras.

López Seijas, Antón Costas e Alberich remarcaron "o contexto mundial actual" no que levará a cabo a presente edición, con acontecementos importantes como as eleccións europeas, uns próximos comicios nos Estados Unidos, os conflitos bélicos como a invasión rusa de Ucraína ou a guerra en Oriente Próximo ou a situación que vive o Estado español co financiamento autonómico e a inmigración.

O VI Foro A Toxa comezará o 3 de outubro ás 16 horas coa inauguración oficial, onde está prevista a presenza do rei Felipe VI. A partir de aí, o relatorio inaugural estará a cargo do historiador británico Simon Sebag Montefiore, especialista en países como Rusia e oriente próximo.

Esa mesma tarde tamén terá lugar unha mesa dedicada á competitividade e á gobernanza na que participarán, entre outros, os ex presidentes do Goberno español Felipe González e Mariano Raxoi.

O día 4, a xornada comezará ás 9 horas e nunha primeira mesa participarán destacados directivos como o conselleiro delegado de Iberdrola España, Mario Ruiz Tagle; o conselleiro delegado de Indra, José Vicente dos Mozos; o presidente de Deloitte España, Héctor Flórez, ou o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Vieites.

O gobernador do Banco de Portugal, Mario Centeo, e o presidente do Consello Económico e Social, Antón Costas, terán noutra mesa de diálogo a partir das 10.30 horas, mentres que ás 11.15 horas estarán a vicepresidenta da Comisión Europea, Verá Jourova, e o que foi representante permanente de España ante a UE (2016-2021), Pablo García-Berdoy.

O grupo Hotusa, organizador do foro, foi rescatado da quebra polo Estado

O foro A Toxa, adalid do neoliberalismo, está organizado polo grupo hoteleiro Hotusa, rescatado da quebra en 2021 polo Estado a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) con 251 millóns de euros. Este grupo organiza con axuda de diñeiro público o seu foro neoliberal na illa da Toxa. Faino, de novo, deturpando o topónimo oficial e usando 'Foro La Toja'. A Mesa pola Normalización Lingüística mobilizouse nos últimos anos no concello grovense en defensa do topónimo lexítimo e en lingua galega. "O foro fai do seu sinal de identidade a deturpación do topónimo da illa”, teñen criticado desde A Mesa.