As fotos de Feixoo con Dorado: a fin dunha amizade e o comezo da guerra
As fotos do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a bordo dun iate co cambadense Marcial Dorado, actualmente na cadea por narcotráfico, voltan a acurralar o líder do PPdeG ás portas das eleccións galegas. A entrevista que o xornalista Jordi Évole realizou a Dorado e que antonte emitiu La Sexta bota por terra os argumentos que Feixoo elaborou para protexerse do escándalo que estoupou en 2013, cando as fotos, realizadas nos 90, saíron á luz.
Feixoo repite que con Dorado non tivo amizade ningunha, "nin ancha nin estreita". Porén, o narco relatou ante as cámaras as múltiples viaxes que fixeron xuntos a destinos como Portugal, Picos de Europa ou Ibiza. "Dáme moita pena a súa reacción", dixo Dorado na televisión, decepcionado ante un Feixoo que renega da amizade que mantiveran.
“Está falando co cerebro de político, e non co corazón. Doe. Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo… iso non é amizade?", preguntouse Dorado. "Que non escape, que sexa valente" díxolle ademais o narco na entrevista, instando a Feixoo a que recoñeza a súa relación. Segundo foi relantando Dorado, a amizade comezou a perderse a comezos de século, cando Feixoo centrou a súa vida na política. A última vez que se viron foi en 2001, recorda Dorado, antes de ser imputado en 2003.
A idea do encontro partiu de Feixoo e combinaron para xantar con outras persoas. Isto desmonta a versión do presidente da Xunta de que rompera as relacións co narco en 1997, cando supostamente soubo que o seu amigo estaba a ser investigado xudicialmente. Esta versión tamén ficara desmontada logo de que o xuíz Antonio Vázquez Taín asegurara que durante as súas pesquisas, iniciadas en 2001, se gravaran conversas telefónicas entre ambos os dous.
A ignorancia feita defensa
A pesar de que na década dos 90 era moi difícil non saber quen era Dorado, debido á súa asidua aparición en titulares de xornais por acusacións de narcotráfico e contrabando, o presidente da Xunta repite que durante aqueles anos descoñecía as actividades de Dorado. Feixoo chegou a afirmar que cando coñece o cambadense, en 1994, "non sabía nada del".
A guerra interna no PP
As fotos saíron á luz en 2013 en El País, froito dunha investigación de anos de Xosé Hermida e Elisa Lois. Porén, o presidente da Xunta chegou a afirmar en marzo de 2018 nunha rolda de prensa que “esas fotos estaban en mans de moita xente" previamente á publicación, e indicou que xa o "ameazara" un partido con difundilas no medio dunha campaña. De feito, nunha entrevista que Feixoo concedera a Évole poucos días antes desa rolda de prensa, recoñeceu que sabía da existencia das fotos porque o avisara “un delegado do Goberno”.
Nun sentido semellante á chantaxe política pronunciouse Dorado na entrevista televisada antonte, desvelado que recibiu visitas na cadea de xente enviada por algunha ministra ou ministro do PP para "botar lixo" sobre Raxoi e Feixoo a cambio de beneficios penitenciarios. Tamén o tería visitado un ministro do Goberno Rodríguez Zapatero en 2005 co mesmo obxectivo.
As fotos terían desaparecido durante a intervención dirixida polo xuíz Taín e polo xefe do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza, Hermelino Alonso Eiras, segundo relatou o ambiente de Dorado ao cabeceiro Novas da Galiza en 2013. Segundo a investigación deste medio, fontes ligadas ao último Goberno Fraga terían indicado que detrás da filtración das fotos habería unha manobra do sector ourensán do PP para impedir o ascenso de Feixoo e desgastar Raxoi, logo de que o sector vinculado ao Opus Dei se impuxese no PPdeG da man de Romai Beccaría, padriño de Feixoo no partido. De feito, nos 90 Feixoo tería comezado a visitar a Dorado da man de Manuel Cruz, chófer oficial de Beccaría cando era conselleiro na Xunta. Cruz tamén era testaferro do propio Dorado e morreu en 1999 nun accidente que para algúns se produciu “en estrañas circunstancias”.
O certo é que as fotos irromperon cando o nome de Feixoo comezaba a soar con forza para substituír Mariano Raxoi, o que reforza a versión de Dorado da guerra sucia nas filas populares.
A oposición pide explicacións a Feixoo após Dorado confirmar a amizade entre ambos
A oposición galega instou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a dar "explicacións" após o preso Marcial Dorado, condenado por narcotráfico, ter confirmado que ambos os dous mantiveron unha estreita amizade durante anos.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu en que Núñez Feixoo "adebeda unha explicación veraz a Galiza" sobre a súa relación "cun dos capos da droga máis grandes de Europa", dixo. "Todos sabiamos que había un narco que pagaba as vacacións ao señor Feixoo", afirmou o portavoz da coalición Galicia en Común, Antón Gómez-Reino.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén acusou o presidente da Xunta de mentir por negar a amizade con Dorado e exixiu explicacións.