Eleccións Europeas 9-X

Francisco Millán Mon, Ana Miranda e Nicolás González Casares: así é a representación galega no Parlamento Europeo

Francisco Millán Mon, Ana Miranda e Nicolás González Casares (Íñigo Rolán / Álvaro Ballesteros / Europa Press / Nós Diario).
Tres escanos do Parlamento Europeo estarán ocupados, tras este 9 de xuño, por representantes da Galiza: un deles será do PP, Francisco Millán Mon, outro do PSdeG, Nicolás González Casares, e unha do BNG, Ana Miranda.

Tres escanos do Parlamento Europeo estarán ocupados, tras este 9 de xuño, por representantes da Galiza: un deles será do PP, Francisco Millán Mon, outro do PSdeG, Nicolás González Casares, e unha do BNG, Ana Miranda.

Francisco Millán Mon

Francisco Millán Mon (Pontevedra, 1955) é eurodeputado desde o ano 2004. Na súa ampla traxectoria na Eurocámara exerceu como vicepresidente primeiro da Comisión de Pesca e presidente do Intergrupo sobre Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas, ademais de membro da Comisión de Asuntos Exteriores.

Licenciado en Dereito, cursou tamén estudos de Filosofía e Letras. Posúe o Diploma de Estudos Internacionais da Escola Diplomática de Madrid. No ámbito universitario, entre 1988 e 1991 foi profesor asociado de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade Autónoma de Madrid.

Ana Miranda

Ana Miranda (Cuntis, 1971) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e ocupa o cargo na Executiva Nacional do BNG de responsábel de Relacións Internacionais. Especializada en Dereito Europeo con estudos nas universidades da Coruña e Lovaina (Bélxica), participa nas institucións comunitarias desde hai 25 anos, cando exerceu de asesora do primeiro eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira.

Tomou a substitución do histórico dirixente nacionalista e desde 2009 foi a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, onde foi eurodeputada durante catro anos repartidos en tres lexislaturas distintas en virtude do escano rotatorio acordado nas coalicións integradas pola formación nacionalista. Agora, logra o obxectivo de recuperar o escano a comezo de lexislatura do Parlamento Europeo que o BNG non tiña desde 1999.

Nicolás González Casares

Pola súa parte, Nicolás González Casares (A Coruña, 1972), foi deputado no Parlamento Europeo na última lexislatura, onde formou parte do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (S&D). Traballou durante case 20 anos como enfermeiro, fundamentalmente no campo das emerxencias. Ademais, tamén ocupou diferentes cargos orgánicos a nivel local e galego no PSdeG. Así, foi tenente de alcalde da localidade na que reside, o municipio de Lalín (O Deza).