'LIBRES E IGUALES'

Francisco Vázquez, Blanco Valdés e Gloria Lago lerán un manifesto contra a consulta do 9N

Constitución española

Son a delegación galega nun acto no que tomarán parte líderes de Vox, deputad@s do PP, xornalistas, unha marquesa e até un ex-secretario xeral de CCOO, entre outros.

 

Un proceso participativo de consulta á cidadanía é “unha agresión á democracia” para a organización ‘Libres e Iguales’. Por iso convoca, 24 horas antes do 9N catalán, unha lectura pública dun manifesto. Farase de forma simultánea en capitais de provincia e cidades do Estado español. No que atinxe a Galiza a ‘representación’ está composta por Francisco Vázquez, ex-alcalde socialista; Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional; Gloria Lago, de Galicia Bilingüe; o empresario Jacobo Elosúa e o xornalista Francisco Rivera, pai da escritora Marta Rivera de la Cruz.

A nómina de persoas que van tomar parte neste acto é moito máis ampla. Tamén se fará en Catalunya, onde a lectura do manifesto vai correr a cargo de, entre outros, o xornalista Arcadi Espada ou a deputada do PP e XIII Marquesa de Casa Forte Cayetana Álvarez de Toledo.

En Madrid, a denuncia pública contra a consulta de Catalunya correrá a cargo de José María Fidalgo, que fora secretario xeral de CCOO entre o 2000 e 2008. En Euskal Herria, será o ex-deputado do PP e actual líder de VOX, Santiago Abascal, quen lea o manifesto en Gasteiz. O filósofo e escritor Aurelio Arteta farao en Nafarroa. E Teo Uriarte, político, en Bilbo.