Tensión e expectación en vésperas do plenario do 15X

As frontes de batalla de En Marea

Xulio Ferreiro, Luís Villares e Beiras no plenario de decembro de 2016

A medida que se achega o plenario de En Marea do 15 de Xullo vólvese visibilizar e agudizar o conflito que enfronta as dúas pólas do espazo da confluencia. Hai claros movimentos de apoio a Luís Villares por parte do sector oficial, mentres no crítico as voces consultadas por Sermos falan de Martiño Noriega -sen desbotar por inteiro Xulio Ferreiro- como alternativa.

A un lado, o núcleo liderado por Luís Villares con Mario López Rico de xefe de máquinas e do que fan parte os membros de Cerna, un grupo de afiliados de Anova encabezado polo antigo alcalde de Manzaneda Davide Rodríguez, as persoas do Espazo Ecosocialista e do Colectivo Abrente, xentes ligadas ao sindicato CUT e un sector importante de Lugonovo, da Marea de Pontevedra e da Marea de Vigo. Doutro, a corrente crítica, cos alcaldes da Coruña, Ferrol e Compostela como mascaróns de proa e co apoio activo do sector maioritario de Anova, da FPG, de Esquerda Unida e do PCE, da parte de Podemos liderada por Antón Gómez Reino e da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, Ourense en Común e doutra serie de mareas locais. Porén, representantes das diversas correntes consultadas por Sermos Galiza coinciden en sinalar que a asemblea do 15 de Xullo non será a definitiva, adiándose para despois das municipais a solución final. 

 

Neste sentido persoas próximas a Luís Villares sinalaron a Sermos que “o obxectivo dos críticos é debilitar o liderado do Portavoz de En Marea coa intención de formular unha alternativa despois das eleccións municipais, xa que tanto a Martiño Noriega e Xulio Ferreiro como a Xorxe Suárez non lles interesa unha ruptura total antes de enfrontarse ás urnas”. Estas mesmas fontes entenden que “a proposta de próximo candidato á Presidencia da Xunta que se manexa desde este sector é a de Martiño Noriega ou mesmo a de Xulio Ferreiro”. Outro tanto, pero fixando outras responsabilidades, afirman os membros do sector crítico consultados por este xornal que neste caso culpan  “o núcleo de Luís Villares e máis concretamente Cerna de tentar retrasar a solución co obxectivo de que o campo de xogo se enlame máis e así provocar a marcha de moitas persoas que están a perder a ilusión na Marea pola política e as prácticas da dirección”.

 

Sexa como for, de aquí ao 15 de xullo En Marea libra a súa guerra en tres frontes de combate. Un primeiro nos relatorios a debate, aprobados pola maioría de dirección, pero que serán emendados na súa totalidade polo sector crítico. Un segundo, nas redes sociais, cun sector crítico moi activo, diante do convencemento de que os grandes medios de comunicación de Galiza están a apostar no sector de Villares, situando como paradigma desta posición a actitude de La Voz de Galicia. E un terceiro, na propia base social do espazo da confluencia, do que sería un bo exemplo a campaña que vén despregando Villares desde hai uns meses visitando a práctica totalidade dos grupos locais, particularmente nos concellos cativos ou mesmo outros que non contaban con marea local e que a día de hoxe xa dispoñen de estrutura. A este respecto, críticos e oficialistas coinciden en que a mobilización interna vai provocar o aumento de inscritos en relación co proceso anterior considerándose uns e outros favorecidos con esta situación. Os críticos destacan a incorporación ao espazo da confluencia de moita mocidade, fundamentalmente polo traballo desenvolvido por Xeira, a organización xuvenil da FPG, destacando os oficialistas a inclusión de moitos inscritos procedentes do mundo político de Cerna ou de Anova que con anterioridade non participaban na Marea.

 

Os relatorios presentados para o debate polo Consello de En Marea danlle relevo a aspectos organizativos sobre os políticos. A pesar das críticas que nos últimos tempos se teñen formulado por parte do sector de Villares á política dos representantes da confluencia no Congreso dos Deputados polo seu excesivo seguidismo coa liña de Unidos Podemos, o documento oficial aposta con claridade en fortalecer as relacións coas forzas da esquerda estatal. Semella así, como daban a entender os críticos, que os comentarios de Mario López Rico nas redes sociais lamentando que Galiza non tivese nas Cortes “unha persoa tan clara e intelixente como Baldoví” representaban máis ben un axuste de contas deste con Gómez Reino, máis que unha aposta nunha relación distinta de En Marea con Unidos Podemos. Na mesma liña, non se pode esquecer que un dos grandes apoios de Luís Villares no Parlamento de Galiza é Carme Santos, a secretaria xeral da franquía galega de Podemos, cuxo concurso é chave para garantir a continuidade do de Lugo como voceiro de En Marea.

 

Unha das cuestións máis polémicas sobre as que se debruzará o plenario de En Marea ten a ver cos documentos que regularán o funcionamento do Consello e da Coordinadora, a Carta Financeira, ben como as relacións entre as mareas locais e En Marea. Á espera de como fique na súa redacción final, unha vez rematado o proceso de emendas, os relatores apostan nunha relación baseada na bilateralidade coas mareas existentes, ao tempo que abren a porta á constitución de asembleas locais de En Marea, naquelas localidades de menos de 5.000 habitantes onde a día de hoxe non funcione unha marea local. A confluencia contará ao fin, case cun ano de retraso, cunha Carta Financeira que regule a contía e o método de achegas económicas dos cargos públicos, cuxa retribución mensual non poderá exceder os 5 salarios mínimos, isto é 3.535 euros ao mes. A parte restante do salario percibido polos cargos electos será obxecto de doazón, reservándose 50 por cento para En Marea e outra metade ao fin que consideren os parlamentarios co que se mantén aberta a vía para o financiamento das forzas políticas que conforman a confluencia. Neste sentido, son moitas as voces dentro da organización que consideran excesiva a retribución máxima de 3.535 euros para os cargos públicos, o que devolve o debate ao terreno da polémica que se viviu ao inicio da lexislatura coas esixencias económicas e de medios de Villares.

 

Aínda que o comentario nas redes sociais que máis repercusión acadou foi o asinado polo dirixente de Anova Raúl Asegurado, persoa do círculo persoal de Xosé Manuel Beiras, en que acusaba os oficialistas de “traidores e trepas”, a campaña de máis intención é a promovida ao longo da semana en Twitter polos críticos baixo o hashtag de “EnMareaImporta”. Coincidindo co primeiro aniversario do manifesto promovido polos alcaldes de Compostela, Ferrol e A Coruña, sucedéronse as mensaxes nas redes chamando a recuperar o espírito fundacional da confluencia, o que provocou a reacción de Mario López Rico ou do mesmo Villares que, baixo o mesmo hashtag, chegou a agradecer o papel destes para a conformación de En Marea. A resposta non agardou e nesta ocasión da man do dirixente de Anova Rafa do Pico afirmando que “está ben agradecerlle aos alcaldes o que fixeron, pero o mellor agradecemento é estar á altura non deturpar a #EnMarea”. Está por ver as consecuencias deste movemento nas redes, así e todo merece mención pola gran cantidade de persoas que se sumaron, entre eles dirixentes como Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, Antón Gómez Reino, Antón Sanchez ou Iolanda Díaz, así como mareas locais como Compostela Aberta, Ferrol en Común ou Marea Atlántica.