A Fundación Galiza Sempre fala de “mudanza” ao analizar 35 anos de autonomía

Guillerme Vázquez

Unha xornada en Lugo acolleu diversas conferencias que fixeron balance das últimas décadas en Galiza desde diversos puntos de vista. Guillerme Vázquez considera que o marco actual está “caduco”.

O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Váquez, inauguraron este sábado no salón de actos do Pazo de San Marcos a xornada “Fagamos Contas. 35 anos de autonomía: Como nos foi?”, un simposio no que se afondou no que supuxeron estas tres décadas e media de autonomía para a sociedade galega e que está organizada pola Fundación Galiza Sempre en colaboración coa Vicepresidencia Primeira da Deputación.
 
Para Guillerme Vázquez, Galiza é actualmente “un pobo vapuleado, saqueado e por que non dicilo, confuso. É preciso formular propostas no nacionalismo político, xa que o poder económico actual, que é o causante da crise, aplícanos as súas receitas para saír dela, que a grandes rasgos, no que fai referencia ao estado español, pasan pola recentralización, polo saqueo dos dereitos económicos e sociais e pola represión da rebeldía, coa aprobación por parte do PP da súa nova lei de ‘inseguridade’ cidadá. E tamén procura algunha válvula de escape, que canalice o descontento social, sen que isto vaia significar que se altere de raíz a orde natural das cousas”, valorou.

Vázquez instou tamén a considerar o sistema vixente. “Vai sendo hora de replantexarnos as cousas, como están facendo en Catalunya, onde se deron conta de que o seu marco estatutario, aínda que foi reformado máis tarde que o noso, está caduco. En Galiza deberiámonos dar de conta de que acontece o mesmo, xa que se non mudamos o actual marco político e constitucional, Galiza rachará”. 

Ademais de Mario Outeiro e Guillerme Vázquez, tamén participaron na xornada, María Dolores Puga e Rubén Lois sobre Demografía; Alba Nogueira e Heriberto Cairo sobre Autogoberno; Mar Pérez e Joam Lopes Facal sobre Economía; Victoria Iglesias e Luís Villares sobre Benestar; Nel Vidal e Mercedes Queixas sobre Lingua e Cultura e Xavier Campos como peche.