ENTREVISTA A XULIO FERREIRO

"Para as galegas sería bon atopar un candidato ou unha candidata que sexa unha figura de consenso absoluto"

Unha figura de consenso absoluto para encabezar a candidatura á Xunta da Galiza é o que pide Xulio Ferreiro, referente das Mareas municipalistas e alcalde da Coruña. El desbótase porque, afirma, "non me parecería serio utilizar a alcaldía como trampolín para outra cousa". E deixa claro que Beiras non é para el a súa mellor opción. A entrevista aparece no Sermos199. Eis un avanzo. 

-A pergunta inevitábel: contemplas a hipótese de te candidatares para as galegas?

-Eu síntome moi afagado e agradecido á xente que pensa en min, paréceme incríbel que unha persoa que hai ano e medio era anónima poda aparecer nas quinielas, mais ben, vouno entendendo, son alcalde da Coruña, tiven unha proxección mediática, parece que mal de todo non o fago... ora, a min pareceríame unha fraude ao eleitorado coruñés, teño un compromiso de rematar un mandato e cando un se apresenta a un cargo é para cumprir até o final. Non me parecería serio utilizar a alcaldía como trampolín para outra cousa.

-No caso de Beiras se postular, veríalo como unha boa opción?

-Beiras ten un papel moi relevante en todo isto, ten unha sabedoría e unha experiencia da que outros carecemos. O que sería bon é atoparmos un candidato ou unha candidata que sexa unha figura de consenso absoluto entre todas as partes, que ninguén poda identificar da outra parte, para todos remarmos xuntos. Non sei se Beiras cumpre ou non ese criterio.

-Que opinas, cumpre ou non ese criterio?

´-Agora talvez o papel de Beiras tería seguramente de ser outro, pero tampouco sei que opina Xosé Manuel Beiras.

A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no número 199 de Sermos Galiza, disponíbel xa nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.