Galiza pode perder até 4.500 millóns en fondos da UE
O BNG advirtiu que Galiza pode perder até 4.500 millóns de euros en fondos estruturais e de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020 porque o último dato de Eurostat lle outorga un PIB do 91,3%, polo que queda integrada na categoría de "rexións máis desenvolvidas", o que implica que apenas reciba un 25% dos 5.600 millóns de euros que lle corresponden no período actual 2007-2013.
A día de hoxe, e tendo como base o documento da Comisión Europea para o Regulamento Marco dos Fondos Europeos 2014-2020, Galiza non cumpre os criterios que lle permitiría conservar unha parte significativa destes fondos a través de dúas vías: ser incluída na nova categoría de rexión de transición ou a través da denominada rede de seguridade, tamén coñecida como "aterraxe suave".
"O empeño da Xunta en decir que Galiza ten asegurado 2/3 dos fondos actuais é irresponsábel"
En ambos casos, o actual PIB de Galiza supera o criterio establecido polo Executivo da UE, "moi amplamente" no caso da rede de seguridade. Neste sentido, o BNG considera "sen fundamento, nin realismo" a afirmación do presidente do Goberno galego de que Galiza manterá 2/3 dos fondos asignados no período 20007-2013, en base a esa rede de seguridade, advirte a eurodeputada nacionalista Ana Miranda que participou no "Congreso Sobre Cooperación Intelixente: A cooperación territorial ao servizo da integración europea", celebrado na Coruña.
Neste sentido, o BNG ten presentado 210 emendas ao documento da Comisión Europea sobre o futuro Regulamento Marco dos Fondos Europeos, que agora está a debate no Parlamento Europeo dentro da Comisión de Desenvolvemento Rexional. "Pese aos avances do noso país en nivel de renda, estes fondos seguen a ser imprescindibles para Galiza, máxime na conxuntura actual", explica Miranda, de aí o importe esforzo do BNG para, vía emendas, Galiza "continúe recibindo unha parte substancial deses recursos".
"Dar por suposto que Galiza ten asegurados 2/3 deses fondos, como fai o Goberno da Xunta, é irresponsábel, hai que seguir dando a batalla por conseguilos e, a tramitación na Eurocámara pode ser unha das últimas oportunidades que teñamos. O BNG traballa nese sentido, sen caer en falsos optimismos que non van a axudar a que o Galiza reciba os fondos que tanto necesita para seguir na liña de converxencia coa media da UE", conclúe.