A gandaría galega só recibirá 25% das axudas da seca por parte do Goberno español

Páez, gandeira de Viana do Bolo, acompañando os seus animais por un vieiro cara aos pastos (Nós Diario)
A Xunta cualificou de "discriminación territorial inaceptábel" as medidas do Goberno español para paliar a seca.

O conselleiro de Medio Rural, José González, indicou esta sexta feira que xa lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o que cualificou de "discriminación territorial inaceptábel que prexudica Galiza", tras analizar as medidas do Goberno español para paliar a seca e os efectos da guerra en Ucraína -publicas xa no Boletín Oficial do Estado (BOE)-.

Segundo apuntaron, a pesar da "valoración inicial positiva ao entender que se atendían demandas que viñan sendo reiteradas", o conselleiro rexeitou "de pleno" o detalle das medidas "ao confirmarse a discriminación a Galiza".

Sectores cárnico e lácteo

Concretamente, e respecto a os sectores cárnico e lácteo, o titular de Medio Rural considera "inaceptábel" que Galiza "só poida recibir" 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, "porcentaxe destinada ás comunidades que o Goberno estatal estabelece como de afectación moderada pola seca, situación na cal tamén se atopan o resto de territorios da Cornixa cantábrica".

"Esas primas que esta quinta feira se anunciaron aos catro ventos quedarán en menos de 40 euros por vaca nutriz de carne e en 15 euros no caso do vacún de leite", sinalou.

No caso da apicultura, explicou, dos cinco millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galiza "virán unicamente" 15.000 euros, "outra cantidade considerada insuficiente para Galiza".

Para o titular de Medio Rural, estes datos "constatan" que se está materializando "unha discriminación por territorios no caso das axudas directas", a pesar de que, remarcan, na exposición de motivos explícase "claramente" que as medidas aprobadas débense tamén ao incremento dos custos de produción derivado da guerra de Ucraína, "un incremento que afecta de cheo os gandeiros galegos, sen que os prezos en orixe sexan capaces de cubrir aínda ese incremento".

Así, o conselleiro insiste no seu "rexeitamento frontal" ao que considera "unha discriminación territorial" que "só confirma que as medidas aprobadas unicamente responden a un fin electoralista, a 15 días dos comicios municipais".