O si gañaría en Catalunya nun referendo unilateral de independencia

O barómetro do Centre d’Estudis d’Opinió (CEO) ratifica o amplo apoio a un referendo, máis do 73% das persoas enquisadas. A maioría é partidaria de convocar a consulta embora non haxa acordo co estado.

A independencia sería a opción gañadora de se realizar agora un referendo unilateral en Catalunya. Un 43% dos cataláns votaría esta opción por un 22% que se pronunciaría en contra e un 21% que optaría por se abster. Son os resultados do barómetro feito polo Centre d’Estudis d’Opinió (CEO), unha entidade da Generalitat de Catalunya, equivalente ao CIS español.

Á pregunta de “Se agora se fixese un referendo para decidir a independencia de Catalunya, convocado e organizado pola Generalitat e sen acordo do goberno español, vostede que faría?”, catro de cada 10 enquisados responderon cun si á independencia por dous que se posicionaron en contra desta opción.

A respecto da convocatoria do referendo, os partidarios do mesmo achéganse ao 74% mentres que os contrarios non chegan ao 23%. Un dato de interese é que o 50,3% dos cataláns serían partidarios de que esa consulta independentistya se convocase mesmo sen que houbese acordo co estado. Un 23%, porén, apoiarñian o referendo só de haber acordo co goberno central.

Entre os partidarios de facer o referendo mesmo sen que haxa acordo co estado están os votantes das forzas políticas independentistas mais tamén unha boa parte dos votantes de Catalunya Si Que es pot (CSQP). Segundo este barómetro, o 47% das persoas que votan esta opción tamén son partidarios de realizar a consulta aínda que non se acade un acordo co goberno central.

Eleccións

Na enquisa tamén se pregunta sobre as opcións políticas que votarían as persoas enquisadas de se realizar agora eleccións catalás. Junts pel Si (JxS) volvería ser a forza máis votada, con entre 58 e 60 escanos, menos que os que posúe agora (62). Ciudadanos manteríase como segunda forza, mais baixando a 20/21 deputados (ten 25) e Catalunya si que es Pot subiría até a terceira posición. O Barómetro outórgalle 18/19 parlamentares fronte aos 11 da actualidade. O PSC manteríase como agora, 16 escanos, o PP obtería 13 (agora, 11) e a CUP atinxiría 8 (10).

A maioría absoluta está en 68 deputados, polo que a actual maioría independentista (JxS e CUP) pendería dun fío.