O gas que mata un galego cada día

Galiza é unha das zonas con maior irradiación de radón, presente nos solos graníticos fracturados en sotos e vivendas. O deputado Cosme Pombo preguntou ao goberno galego sobre as medidas previstas para correxir os índices deste gas.

O gas radón provoca en Galiza unha morte cada día. Así o manifestou o deputado do BNG Cosme Pombo na pregunta formulada ao goberno sobre as medidas previstas para correxir os índices dun gas que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), está no 14% dos falecementos por cancro de pulmón. E Galiza é, explicou, unha das zonas con maior irradiación de radón, presente nos solos graníticos fracturados en sotos e vivendas.

Na lexislación española, dixo Pombo, as Normas do Hábitat establecidas no 2007 e a Lei de Vivenda de Galiza de 2008 facían referencia directa ao radón e á necesidade de illamento nas construcións como medida preventiva para loitar contra a súa nocividade. Lamentabelmente, afirmou , esta norma foi “derrogada por Feijóo", engadindo que "pouco se fixo para establecer medidas prácticas que protexesen a saúde das galegas e galegos contra o gas radón”.

O parlamentario lamentou o que cualificou de  “escaso interese” do Goberno galego para reducir o problema  que provoca en Galiza a morte dunha persoa ao día polo que reclamou tomar medidas urxentes "e non agardar as modificacións previstas para o ano 2018". 

O radón é un gas radioactivo de orixe natural que emana do chan. No Estado español fíxose un mapa coas zonas máis acfectadas por este gas, mediante unha investigación coa participación do Consello de Seguridade Nacional. Galiza figura nese mapa de forma moi destacada. Hai comarcas con cocnentracións que duplican e triplican as concentracións medias permisíbeis.