As propostas de Anova para a candidatura de 'En Marea': Gladys Afonso, Xosé M. Saa, Carlos Lorenzo e Alexandra Fernández

As primarias internas para escoller as persoas a propor para formar parte na candidatura da coligazón tiveron un 63% de participación.

Anova xa ten os nomes que trasladará como propostas para a candidatura de 'En Marea' ao Congreso español unha vez finalizadas as primarias internas (nas que participou o 63% da militancia, segundo a organización). Gladys Afonso (pola Coruña), Xosé Manuel Saa (Lugo), Carlos Lorenzo (Ourense) e Alexandra Fernández (Pontevedra) son os nomes desas propostas. En virtude do pacto acadado entre Anova, Podemos e Esquerda Unida, o primeiro posto por Pontevedra corresponde á formación de Beiras, de aí que Alexdandra Fernández sexa con probabilidade a nº1 pola provincia de 'En Marea'.

Pola Coruña a primeira opción a propor por parte de Anova para  En Marea será a de Gladys Afonso, sindicalista da CIG, que acadou un 54,41% do voto nesa circunscrición, seguida por Xosé Constenla (38,24%) e Jorge Caeiro (7,35%). No que atinxe a Lugo a proposta será Xosé Manuel Saa, ao non haber outros candidatos. En Ourense a primeira proposta de Anova será a de Carlos Lorenzo, que obtivo un 60,53% do voto fronte o 39,47% de Bernardo García, que será polo tanto a segunda opción nesa circunscrición. E no referente á circunscrición de Pontevedra a primeira persoa a propor por Anova será Alexandra Fernández, que acadou o 67,40% dos votos, seguida por David Carballal (23,81%) e José Gómez (8,79%).

Senado

Pilar Barros, cun 74,90% do voto, será a proposta para o Senado na circunscrición de Ourense, seguida de Carlos Enrique Pereira (25,10%).