O Goberno de Compostela apela á "responsabilidade" na votación das VUT: "O PSdeG ten toda a documentación"

Imaxe de arquivo dunha xunta de Goberno local de Compostela (Foto: Pazo de Raxoi)
"Nunca tivemos problema en manter un diálogo fluído, pero é a propia organización do PSdeG quen ten que decidir quen son as interlocutoras", afirmou a portavoz do Goberno, Miriam Louzao.

A portavoz municipal do Goberno local de Santiago de Compostela, Míriam Louzao (BNG), volveu apelar esta segunda feira á "responsabilidade" na votación da ordenanza das vivendas de uso turístico (VUT), que se debaterá no pleno extraordinario convocado para esta mesma tarde, e asegurou que o PSdeG ten "toda a documentación" sobre este asunto.

A preguntas dos medios nunha rolda de prensa, Louzao insistiu en que o Executivo local (conformado polo BNG e Compostela Aberta) non entra "en cuestións internas" doutras organizacións políticas e en que "sempre" foron "respectuosos coas persoas que foron elixidas pola cidadanía".

"Nunca tivemos problema en manter un diálogo fluído, pero é a propia organización do PSdeG quen ten que decidir quen son as interlocutoras", aseverou despois de que a pasada sexta feria o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, avanzase que a postura da dirección local do partido respecto a este tema pasa pola abstención, mentres fontes consultadas por Europa Press explican que algúns membros do grupo municipal son partidarios de non impedir que saia adiante esta ordenanza.

Así, a edil nacionalista apelou á "responsabilidade", destacando que con esta ordenanza féchase "un proceso que se iniciou en anteriores mandatos" e que agora non poden "parar" co obxectivo de "protexer o uso residencial das vivendas". Aínda que pediu "non adiantar acontecementos”, Míriam Louzao mostrouse "segura" de que no pleno desta tarde "vai haber responsabilidade por parte de todo o mundo".

Sobre o "diálogo" cos socialistas, a portavoz municipal sinalou que entende que debe ser "cos representantes da Corporación que elixiron os veciños e veciñas", pero defendeu que "nunca" tiveron "problema" en falar con "unha persoa que o PSdeG decida que é a interlocutora".

"Por nós nunca vai quedar algo sen levar a cabo por non dialogar. Entenderedes que non podemos interceder en cuestións internas de organizacións políticas. Esperemos que o solucionen da mellor forma posible porque será bo para Compostela", resolveu.

Tamén onte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou o Partido Socialista a pór á "cidade" e aos veciños de Santiago por encima dos seus "intereses partidistas" e aprobar a ordenanza sobre a comunicación das vivendas de uso turístico (VUT) que se debaterá no pleno desta segunda feira.