O Goberno español mostra "o seu compromiso" co sector vitivinícola galego

Pedro Branco (cuarto pola dereita), esta cuarta feira en Meaño (O Salnés). (Foto: Goberno español)
Pedro Branco visitou Attiis Bodegas e Viñedos en plena vendima e aproveitou para pór en valor a calidade dos caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas “que son un sinal de identidade da Galiza máis aló das nosas fronteiras”.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, puxo de relevo o “compromiso firme” do Executivo de Pedro Sánchez co sector vitivinícola galego, “que se materializa nos máis de 10 millóns de euros que se acaban de aprobar para programas de apoio ao sector”. Nunha visita á Bodega Attis, situada na parroquia de Dena, en Meaño (O Salnés), Pedro Blanco explicou que estes fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, veñen de autorizarse na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e serán transferidos á Galiza para impulsar distintas medidas para o sector vitivinícola recollidas na Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV).

Así, segundo trasladou onte o delegado do Goberno español, máis de 3,6 millóns van dirixidos á reestruturación e reconversión de viñedos, co obxecto de “mellorar a competitividade do sector, diminuír os custos de produción e facilitar a súa adaptación aos retos de mellora ambiental, no marco da nova Política Agraria Común (PAC)”.

Doutro lado, Galiza disporá de máis de 6,5 millóns de euros da segunda convocatoria de axudas para investimentos da Intervención Sectorial Vitivinícola. Van dirixidos a mellorar as instalacións e as infraestruturas vinícolas, así como os instrumentos de comercialización dos produtos vitivinícolas. Máis de 4,6 millóns transferiranse en 2025 e os 1,9 millóns restantes en 2026.

O delegado do Goberno español estivo acompañado na visita polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, polo alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e polo propietario de Attis, Robustiano Fariña. No transcurso do encontro fixo fincapé en que estas axudas demostran o “compromiso total do Goberno de España na defensa do sector agrario e dos seus profesionais, que elaboran produtos de primeirísima calidade como os que hoxe estamos a coñecer nesta adega”.

Ao mesmo tempo, Pedro Branco lembrou que o PERTE Argoalimentario, que mobilizou na primeira convocatoria 54 millóns de euros, tamén  financiou iniciativas empresariais das que forman parte varias adegas galegas. Concretamente, o proxecto Graperte, no que participan Martín Códax, Terras Gauda e Viña Costeira, recibiu achegas por 5,2 millóns. O PERTE Agroalimentario abrirá a segunda convocatoria en pouco máis dunha semana con outros 300 millóns en apoio do sector, dos que 100 van destinados subvencións e 200 a préstamos.

Por último, Pedro Branco fixo referenciou os 25 millóns de euros de apoio a Galiza a través da Intervención Sectorial do Viño, dos plans de resposta á seca e á guerra en Ucraína ou a través dos diversos programas de turismo vinculados ao sector vitivinícola e agroalimentario, entre outros. Paro o delegado do Goberno “o sector vitivinícola galego é unha potencia dentro de España, que vai seguir contando co respaldo que merece deste Goberno”.

Vendima

Pedro Branco visitou Attiis Bodegas e Viñedos en plena vendima e aproveitou para pór en valor a calidade dos caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas “que son un sinal de identidade da Galiza máis aló das nosas fronteiras”. Así, reivindicou o “magnífico traballo” que realizan os viticultores da comarca do Salnés, onde se produce o 70% do viño desta Denominación e que, como afirmou o delegado “queda de manifesto nesta adega”. Pedro Branco mostrou para finalizar o desexo de que “as boas expectativas desta colleita se cumpran e se obteñan uns magníficos viños que van contar co apoio deste Goberno”.