Para o goberno español, os pasados temporais non existiron no interior de Galiza

A deputada Fernández Davila afirma que o Real Decreto-lei sobre medidas para reparar os danos causados polos temporais de xaneiro e febreiro obvia os importantes prexuizos en áreas como Ourense ou A Limia.

O pleno do Congreso d@s deputad@s acolleu o debate do Real Decreto-lei polo que se adoptan medida para reparar os danos causados polos temporais nos meses de xaneiro e febreiro na fachada atlántica e na costa cantábrica. Desde o BNG xa denunciaron o que entenden que son “insuficiencias” e “carencias” dese Real Decreto por canto “no que atinxe ao seu ámbito de aplicación esquece zonas do interior moi afectadas”. Non é, porén, esta a únmica chata que @s nacionalistas apoñen a ese RD xa que, din, “ non recolle os graves danos que se produciron en sectores como o agro e a pesca”.

“A catástrofe natural que se viviu na Galiza e noutros territorios non só se produciron na costa e na hostalaría, senón que os dous meses e medio de temporais ininterrumpidos tamén danaron a zonas do interior, e a terras de cultivo moi importantes”. Davila nomeou comarcas como a de Ourense ou A Limia, con importantes estragos nas colleitas e plantacións, así como anegamentos de terras agrícolas. “Instamos ao Goberno a ter en conta estas insuficiencias no contido do Decreto”.