O Goberno de Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas zonas termais

O alcalde de Ourense, Pérez Jácome, e o cantante Omar Montes, nas piscinas termais de Outariz. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
En diante, as zonas termais públicas e gratuítas da Chavasqueira, Outariz ou Muiño da Veiga pasarán a ter a mesma regulación que calquera praia ou piscina pública.

O Concello de Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas zonas termais da cidade, segundo informaron fontes do Executivo local. Para iso, prepara un acordo da Xunta de Goberno que porá fin a esta restrición, que desde hai uns 15 anos se viña aplicando nas condicións de utilización destes espazos.

En diante, as zonas termais públicas e gratuítas da Chavasqueira, Outariz ou Muiño da Veiga pasarán a ter a mesma regulación que calquera praia ou piscina pública.

Así, as persoas que accedan ás zonas termais poderán tomar as imaxes que estimen oportuno, "o que non as exime do deber que teñen de respectar e cumprir coa normativa estatal vixente no relativo ao uso e difusión das imaxes que obteñan", precisa o consistorio.

"Situcións de tensión e discusións"

O Goberno municipal de Ourense entende que a prohibición vixente nas termas da cidade "non é procedente". Respecto diso, asegura que "con frecuencia ocasiona problemas e situacións de tensión e discusións entre os propios usuarios das instalacións, cando unhas persoas chaman a atención a outras por querer facer unha foto".

Así, estiman máis idóneo que os espazos termais teñan unha normativa equiparábel á doutras zonas similares, como é o caso das praias ou o das piscinas públicas de Oira, Os Remedios ou o parque acuático de Monterrei (comarca de Monterrei), onde as usuarias si poden tomalas.

Desde o Executivo da cidade tamén advirten que, con esta nova regulamentación, a normativa das termas de Ourense equipararase ás doutros espazos termais internacionais.