Marta González (PP)

"O Goberno Sánchez foi un Goberno hostil para os intereses da Galiza"

Marta González é deputada do PP na actual lexislatura. (Foto: Nós Diario)

Marta González, candidata número 2 do PP ao Congreso dos Deputados.

—Con que perspectivas concorren a estas eleccións pola circunscrición da Coruña?
O Partido Popular contou con até cinco deputados na circunscrición da Coruña e agora temos tres. A estas eleccións concorremos co mellor candidato á presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feixoo, un candidato moi ben valorado en toda Galiza e tamén na circunscrición da Coruña, onde tradicionalmente temos conseguido os mellores resultados. Por iso, pensamos que os galegos e os coruñeses estarán encantados de apoialo e, polo tanto, as nosas perspectivas son as mellores.

—Un dos temas recorrentes nas dúas últimas lexislaturas foi a transferencia á Galiza da AP-9. Que van defender a este respecto na lexislatura entrante?
A verdade é que o PSOE bloqueou calquera avance na perspectiva de transferir á Galiza a autoestrada do Atlántico, AP-9, libre de peaxes, tal e como lle tiña solicitado por unanimidade o Parlamento da Galiza.

A proposición non de lei aprobada polo Parlamento da Galiza caducou pola falla de apoio do grupo socialista no Congreso dos Deputados e dos seus socios de investidura. Nesta lexislatura, non existiu un compromiso do Goberno con esta demanda, un Goberno que, non debemos esquecer, estaba apoiado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), un Goberno que tentou baleirar de contido a proposición non de lei do Parlamento da Galiza.

Nós imos continuar defendendo a titularidade para Galiza desta autoestrada e que a súa transferencia veña acompañada dos recursos necesarios. Reclamos, en definitiva, os intereses dos galegos, reclamos a titularidade da autoestrada e dos recursos necesarios para que, deste modo, sexa gratuíta.

—A súa organización amosouse moi crítica durante esta lexislatura co trato cara á Galiza nos orzamentos do Estado. Que mudanzas consideran urxente en materia orzamentaria?
O que temos claro é que a Galiza non foi ben tratada en ningún dos orzamentos do Goberno de Pedro Sánchez. Nós presentamos emendas en que recollemos as necesidades máis perentorias da Galiza e ningunha delas foi aceptada, até o punto de non achegar nin un euro para estes dous anos de Xacobeo.

O apoio do BNG ao Goberno de Sánchez foi desilusionante, foi un apoio gratuíto que non se viu acompañado de contrapartidas nos orzamentos e non repercutiu en que ningunha demanda desta formación fose aceptada.