Gómez Besteiro quere manter un diálogo periódico con Núñez Feijóo

Ramón Gómez Besteiro

O líder d@s socialistas galeg@s promete “reunións co líder da oposición” se chega á presidencia da Xunta e acusa ao PP de pasar “por unha grave crise de credibilidade”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, desexa un maior diálogo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, segundo afirmou nunha entrevista na Cadena Ser. “Se eu fose presidente do Goberno galego reuniríame periodicamente cos xefes da oposición”, remarcou Besteiro, que se amosou "disposto" a manter un encontro con Feijóo, aínda que puntualizou que busca unha "reunión de traballo" e non unha para "facer fotos".

Besteiro defende as aspiracións municipais de Orozco e Pachi Vázquez malia a súa situación xudicial

Besteiro sostén que, após o Debate sobre o Estado da Nación, o titular da Xunta "non foi capaz" de marcar unha "folla de ruta" para o futuro. "As cousas que di o PP xa non se creen", sentenciou o tamén presidente da Deputación de Lugo, xusto antes de subliñar que a formación gobernante "ten un problema serio de credibilidade", percepción que, ao seu xuízo, "vai seguir crecendo ata as eleccións de 2016".

Así mesmo, Besteiro defendeu a Pachi Vázquez -investigado pola Fiscalía sobre presuntos enchufes na súa etapa como alcalde do Carballiño- e a López Orozco, que volverá presentarse en Lugo malia estar imputado na Operación Pokémon.