Goretti Sanmartín insiste en que ha de ser a Xunta quen xestione a taxa turística

A rexedora de Santiago de Compostela celebra o interese doutros municipios en sumarse á medida que, segundo dixo, "vén para quedar".

Goretti Sanmartín. (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Goretti Sanmartín. (Foto: Concello de Santiago).

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, celebrou que haxa outros municipios que aposten por sumarse á taxa turística e insistiu en que debería ser a Xunta quen desenvolva o sistema de xestión e de recadación para que outros concellos se poidan unir "voluntariamente", pero "encargándose directamente" a administración autonómica.

En declaracións aos medios esta segunda feira, a rexedora compostelá defendeu que a Xunta, "desde a Atriga –Axencia Tributaria da Galiza–", ten "os instrumentos, os medios e os recursos" para realizar os recursos e que non teñan que facelo "concellos pequenos" que poden carecer deles.

A preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que outros municipios se sumen á demanda da capital galega, Sanmartín sinalou que se alegra de que outros concellos "tamén vexan que esa é unha opción necesaria".

Compostela, referente

"Creo que o que debería é facer reflexionar sobre que a taxa turística é unha realidade que vén para quedar. Temos vocación de ser referente e alegrámonos de que haxa outros concellos que tamén vexan que esa é unha opción necesaria", reivindicou.

Así mesmo, recoñeceu que para o Concello de Santiago é "unha satisfacción" que haxa outras localidades que queiran sumarse. "Significa que había materia suficiente, desde logo desde Santiago, cunha presión turística moi forte e moi potente, pero que tamén ocorre noutros concellos", manifestou.

Con todo, subliñou que agora "a pelota está no tellado da Xunta" e que, tal e como reiterou, é a administración autonómica a que "ten que impulsar e promover que chegue ao Parlamento ese debate" e se poida "ter o marco para poder iniciar" os trámites.

Recadación municipal

A pasada sexta feira, tras reunirse coa alcaldesa de Santiago, o director da Axencia de Turismo da Galiza, Xosé Merelles, informaba que a Xunta prevé que a normativa autonómica para que os concellos que así o desexen implanten a taxa "estea lista o 1 de xaneiro", aínda que xa apuntaba que un dos requisitos será que a recadación sexa "100% municipal".

Comentarios