XVI Asemblea Nacional do BNG

Ana Pontón, na clausura: "Galiza é quen pode salvar a Galiza"

Co depósito de confianza política absolutamente cheo, co respaldo de 98,2 por cento da organización, Ana Pontón selou a clausura do conclave nacionalista cun discurso de auto-afirmación. "Galiza é quen pode salvar a Galiza", dixo. E definiu como de "grande alcance e profundidade" as mudanzas introducidas polo Bloque nesta asemblea.

O BNG derrotou os maos agoiros de hai apenas un ano. Ultrapasou as expectativas. E está vivo e en forma. Un novo BNG. Renovado xeracionalmente. E máis forte após un proceso de debate aberto por vez primeira a non militantes. O BNG de Palexco é un BNG distinto. Oficializouno a portavoz nacional reeleita nun discurso de 27 minutos, apaixonado por momentos, e con moitas cargas de profundidade política, un texto para reler. 

Pontón botou man dun principio da física, o efeito bolboreta, para compor unha metáfora desta XVI Asemblea Nacional e das mudanzas en curso no BNG.

"Nos sistemas dinámicos e complexos, como a sociedade galega, é onde pode ocorrer o chamado 'efeito bolboreta'", dixo e a seguir deu unha pequena lición de ciencia aplicada: "O leve aletexo dunha bolboreta na Coruña pode sentirse doutro lado do mundo. Diferenzas aparentemente pequenas das condicións iniciais, poden dar como resultado comportamentos radicalmente distintos".

Os matices pequenos poden virar en grandes mudanzas. Iso é o que aconteceu nesta XVI Asemblea Nacional, corolario dun longo proceso de debate, aberto precisamente en febreiro de 2016, no anterior Palexco, a cimeira que entronizou Pontón como líder do Bloque. O Efeito Pontón e o Efeito Bolboreta. Pequenas diferenzas nas condicións iniciais mudan os individuos e mudan tamén os colectivos. "Isto é o que estar a pasar co BNG. Pode que haxa quen pense que os cambios son pequenos, pero en realidade teñen un grande alcance e profundidade. E este efecto é o que queremos crear na política galega, queremos ser o efecto bolboreta que remude o panorama e constrúa un futuro mellor para a nosa xente".

Un goberno nacionalista

Un BNG novo. Un BNG que vai con máis determinación ao encontro das maiorías sociais. Un BNG que aspira a construír unha organización que dispute a hexemonía do PP e que dote Galiza dun novo goberno, "un goberno nacionalista". Eis o miolo do discurso de Pontón.

Todo comezou hai pouco máis dun ano. Febreiro de 2016. Palexco. XV Asemblea Nacional. Pontón propuxo un flashback e levou o auditorio -por volta de 2.000 persoas ateigábano- a se retrotraer doce meses no tempo.

"Hai un ano, nesta mesma cidade celebrábamos unha asemblea nun momento crucial para o  BNG. Eran momentos confusos e de desorientación. O BNG era un barco á deriva e con risco de afundirse. Dende fora e dende dentro había quen nos daba por mortos e enterrados", dixo.

Si, desde dentro. Pontón deixou pistas para todos. Non eludiu os asuntos espiñentos.

"Pois, nin mortos nin enterrados. Vivo e forte está hoxe o BNG!", proclamou nun deses momentos -BE NE GÁ, BE NE GÁ, berrouse a seguir desde o auditorio- de comuñón entre público, entregado, e oradora.

Houbo a seguir un rapto de sinceridade. A portavoz nacional que acababa de ser eleita co 98 por cento dos votos revelou a militantes, simpatizantes e delegacións convidadas que en Febreiro de 2016 tivo dúbidas á hora de aceitar a proposta de asumir a lideranza da candidatura ao Consello Nacional. 

Que a impulsou a aceitar? O factor equipa -"a firmeza das persoas que me acompañaban na Executiva e no Consello Nacional e que me convenceron a dar o paso"- e o factor militancia, "todas e todos vós, galegos e galegas de nación, que dades o mellor de vós cada día por este proxecto".

Ese agarimo á militancia acompañouno Pontón cunha medida alusión aos que xa non están no BNG:  "E quero aquí, na cidade que veu nacer o Bloque Nacionalista Galego hai 35 anos, quero de todo corazón agradecer aos homes e mulleres que loitaron dentro desta casa, o tempo que fose, e na época que fose. Grazas!". Claro que reservou o mellor tributo, con evocación expresa á celebérrima frase de Brecht, "ás persoas imprescindíbeis", aquelas " que loitades toda a vida, e a esas persoas quero darvos unha sentida homenaxe e pedirvos que sigades loitando e aportando". 

O rupturismo real

Situada xa a XVI Asemblea como un proceso ao longo de 12 meses -un proceso en que o BNG foi de menos a máis, a recuperar apoio social e a mostrar novo músculo militante, con 400 altas desde a XV-, Pontón diagnosticou o panorama internacional -a globalización como nova encarnación do imperialismo- e cargou contra a deserción da esquerda tradicional e contra as falsas saídas que oferece a Nova Política:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

"A esquerda clásica desertou clamorosamente, pasou da defensa das condicións de vida das clases populares á entusiasta defensa do sistema capitalista. Deixaron campo aberto a novos fenómenos políticos, que nuns casos son totalmente inocuos para o sistema e, noutros, como a extrema dereita, amosan a súa faciana mais agresiva e perigosa", dixo.

Alertou pois Pontón contra o que considera un espellismo, a Nova Política. Inocua, chamouna.

A súa conclusión é que "despois de todo o que vimos nestes anos, cada día que pasa, téñoo mais claro: é Galiza quen pode salvar a Galiza". E aquí lanzou un novo mísil dialéctico á Nova Política, unha clara alusión a Podemos:  "E de verdade, por moito que me empeño, non vexo que hai de rupturista ou de novo en defender a OTAN e enxalzar o patriotismo español. O rupturismo está no nacionalismo que cuestiona as estreitas costuras do réxime do 78", proclamou.

"Por moito que me empeño, non vexo que hai de rupturista ou de novo en defender a OTAN e enxalzar o patriotismo español"

É Galiza quen se pode salvar a si propia e esa é a tarefa política do nacionalismo, veu dicer Pontón. E para iso o Efeito Bolboreta debe completar o seu labor. Pór o BNG a ponto. Facelo máis atractivo socialmente. Ir con determinación á conquista das maiorías sociais. Non pórse teito: "Hai un ano tiñamos unha tarefa inxente diante de nós. Fomos quen de abordala e superala con éxito. Hoxe temos outra ben diferente pero aínda mais importante: dirixirnos á sociedade coas mans abertas, coas ideas e as propostas claras. Non autolimitarnos, porque a inmensa maioría da sociedade pode ser receptiva e beneficiaria das nosas políticas".

Preparar o BNG para, desde a unidade, disputar a hexemonía social, política e eleitoral do PP. Esa é a tarefa -verdadeiramente ciclópea- que se marca a equipa de Pontón. Feijóo non é unha saída para o país. Representa a corrupción e a sumisión a Madrid:  "Os galegos e galegas somos mellores que Feijóo e co PP e merécemos un Goberno decente, que non minta nin traizoe os intereses deste país".

Un goberno nacionalista que leve á Xunta o modelo dos concellos do BNG. Iso é o que con ambición propuxo Ana Pontón:  "Cando nos dan a oportunidade de gobernar probamos que temos un proxecto transformador. Os gobernos do BNG chegan a ser referente, mesmo a nivel internacional, como exemplos de boa xestión e de modelos autocentrados. As forzas españolas, sexa o PSOE ou Podemos Mareas e, incluso en parte o PP, descobren como grandes novidades o que os gobernos do BNG levan décadas facendo. Pois que queredes que vos diga, que nos copien, non cobramos dereitos de autor!", exclamou.

Foron 27 minutos. Un discurso intenso. Unha líder que se sente absolutamente respaldada. Un BNG que se percibe a si propio nun bon momento de forma e que sae de Palexco cunha idea entre cella e cella: conservar o precioso capital político da unidade, medrar organizativamente e conquistar novos apoios para que no medio prazo non sexa unha perspectiva ilusoria o asalto á fortaleza do PP.