Juventino Trigo, alcalde de Fene

"Hai dous meses que o PP deu a orde de ir ao asalto dos concellos"

Juventino Trigo

Alcalde de Fene desde 2015, o nacionalista Juventino Trigo afronta unha moción de censura ben peculiar, a orquestrada por unha en principio estraña alianza entre o Partido Popular e Somos Fene, unha candidatura municipalista que en orixe se situaba na órbita de En Marea. Ao pactar coa formación conservadora, Luís Villares declarou que SF xa non fai parte do espazo político da confuencia.

Trigo -que lidera un executivo de coligazón entre BNG (4 concelleiros) e Esquerda Unida (1)- ten claro que "o PP compra vontades e sempre hai quen lle segue o xogo". A moción está axendada para o 26 de outubro, mais Trigo -para quen os concelleiros de SF son tránsfugas- agarda que a xustiza acabe por anulala.

 

-Cal é o trasfondo desta moción de censura?

 

-O trasfondo desta moción, falo no meu nome e tamén creo que no nome do meu goberno, ten que ver con intereses persoais máis que con ningún outro tipo de asunto. Desde logo non se están a preocupar para nada do benestar dos veciños e veciñas de Fene.

 

-Cando falas de intereses persoais imaxino que falas de intereses económicos...

 

-Ben, non só intereses económicos. Eu teño claro que neste caso o PP como partido tennos acostumados, non só aquí, senón na Galiza e no Estado, ás corruptelas e á grande corrupción, que son o pai noso de cada día. Aquí en Fene tamén, tamén temos algún tipo de asunto deste estilo. Hoxe en día está a ser investigado un concelleiro do PP, despois dunha investigación da Garda Civil e parece que, ben, iso pon moi nervoso o PP en Fene. Alén diso, a nosa forma de gobernar no concello é o que máis lle preocupa [ao PP]. Desde o goberno, quer nós como BNG quer EU, temos unha forma de facer política que acaba coas malas prácticas e as pequenas corruptelas [do pasado]. Iso pon nervosa algunha xente. Ben e despois están os intereses persoais que poda ter o concelleiro do PP, que só aspira a se agarrar ao sillón, por non falar dos dous concelleiros de Somos Fene ou a Marea en Fene, cada un os chama a súa maneira... Non nos ten que estrañar o que fai o PP, comprando vontades de todo estilo, e eses concelleiros [de Somos Fene] éntranlles ao xogo.

 

Hoxe en día está a ser investigado un concelleiro do PP, despois dunha investigación da Garda Civil e parece que, ben, iso pon moi nervoso o PP en Fene

 

-Comprar vontades..., que significa comprar vontades exactamente?

 

-Ben, verémolo nos próximos días probabelmente. Non podemos dar nada por sentado. Non hai ningunha soa razón das que se esgrime por parte dos asinantes [da moción] que ampare esta censura. O único que pode haber, como estamos dicendo, son eses intereses persoais de tipo... non sei como cualificalo... Eu creo que o mellor é agardar. E nos próximos días, se isto vai adiante, pois veremos cal vai ser o resultado e que papel van xogar cada unha das persoas que interveñen na moción.

 

-Dis se isto vai adiante... Tes esperanza de que haxa algún recúo?

 

-Non, como esperanza, non. A ver, isto está nas mans da xustiza [refírese a que os concelleiros de Somos Fene, ao seren expulsos do partido instrumental polo que se apresentaron ás eleccións, foron asignados ao grupo de non adscritos por un acordo plenario. Perdían así o direito a participaren nunha moción de censura. Mais os edís apresentaron un recurso e o xuíz decidiu, nunha medida cautelar, restituírlles os seus direitos]. Isto é o que hai. Eles están a aproveitar unhas medidas cautelares para, nunha clara fraude de lei, apresentar esta moción a correr, antes que poda haber unha sentenza [que lles voltase a retirar os seus plenos direitos]. Non sabemos que pode pasar, se se anularán ou non esas medidas cautelares, se se ditarán unhas cautelarísimas... En definitiva, agardaremos a ver, pode haber asuntos estes días que poden modificar a situación. Mais, en fin, que a xente teña claro que nós non imos aferrar ao sillón. A diferenza doutros, nós estaremos onde nos poñan para traballar para a xente. Unha moción de censura, por suposto, aínda sen motivos como esta, é perfeitamente lexítima, co cal se finalmente é legal [isto é, se a xustiza non a tomba], pois non hai ningún problema e poñémonos a traballar onde nos toque. O que está claro é que nós, se temos que ir á oposición, non faremos o que están a facer nos últimos meses o tripartito que temos na oposición [PP, PSOE e Somos Fene]. Nós faríamos unha oposición firme, por suposto, mais construtiva, que beneficie as veciñas e os veciños de Fene. O contrario do que fan eles, calquera cousa válelles para tentar paralizar o concello. E a pesar de todas as súas políticas obstruccionistas, Fene funciona e funciona de maravilla. Estanse a facer cousas que levaban anos e anos paralizadas, puxéronse en marcha obras que acumulaban décadas de retraso, desbloqueouse tamén a contratación de persoal, nós estamos por reforzar os servizos públicos e non por privatizalos, modernizamos o concello no tema informático e de adaptación á lei de procedimento administrativo... Ou sexa, o concello funciona e funciona moi ben e as veciñas e os veciños veno no día a día e así nolo fan chegar.

 

-Isto está en mans da xustiza, mais co lenta que vai a xustiza non creo que dea chegado antes do 26 de outubro, non?

 

-Ben, aí si que xa non son eu quen para dicer nada. En principio, parece ser que algunha xente di que podería ser porque serían unhas medidas cautelarísimas que poderían ser inmediatas ou de moi pouquiños días. Mais, bon, non é ese o fin último de todo ese proceso. O que queremos é que as veciñas e veciños -toda a cidadanía en xeral- vexa cal é a forma de traballar do Partido Popular e cal é, en contraste, a nosa. Estes días, hai un par de meses, deron a orde de saír ao asalto a calquera concello, como estamos vendo en toda Galiza, sen importarlles en absoluto o que leven por diante. Proxectos de modernización do concello... ben, non lles importa, o PP o que quer é agarrar os sillóns... Algunha enquisa deben ter por aí que lles di que se callar as cousas non lles van tan ben como eles pensan, e eles unha vez que tocan a rebato pois van ir a todos os sitios, como se están vendo en todos os concellos en que está a ocorrer o mesmo [desde as municipais de maio de 2015, o PP recuperou a alcaldía en 5 municipios através de mocións de censura]. E despois sempre hai xente que se brinda a lles entrar ao seu xogo. Nese sentido, Somos Fene terá de lle explicar ao seu eleitorado que disque viñeron á política para mudalo todo e o que mudan é un alcalde de esquerdas e un goberno de esquerdas, de BNG e EU, por un goberno do PP.

 

Deron a orde de saír ao asalto a calquera concello, como estamos vendo en toda Galiza, sen importarlles en absoluto o que leven por diante.

 

-Na conferencia de imprensa que deche a sexta feira 13 de outubro con Bieito Lobeira, dixeche que "os que viñan para mudalo todo terán que explicar por que dan a Alcaldía ao PP". Por que cres que dan a Alcaldía ao PP?

 

-Alén de pequenos rancores, que diso sempre pode haber na política, e até poderían ser lícitos, por os ter expulso no seu momento do goberno [Trigo cesou en agosto de 2016 os concelleiros do PSOE e Somos Fene cos que formaba un tripartito], terán que ser eles os que dean a explicación. Estes días estamos a ver como desde En Marea [Luís Villares], desde agrupacións que fan parte de En Marea ou desde persoas a título individual, estánlles chamando a atención a eses dous edís para que recapaciten. Mais vexo que iso é moi complicado. O PP insiste nese asunto de facer mocións e este día o señor Tellado -secretario xeral de PP- saíu dicendo que con catro concelleiros [os que ten o BNG] non se pode gobernar... Aí ves que lles importa tanto Fene que nen sequer saben os concelleiros que estamos a gobernar aquí. Fan unha moción e nen sequer saben que aquí estamos gobernando con cinco concelleiros, non con catro, dous grupos políticos (BNG e EU) e non só iso senón que en Fene o PP gobernou con 6 en minoría sen que ninguén lle obstaculizase o labor de goberno. Iso é o que demostra que ao PP lle importa todo tres pepinos. Non lle importan as veciñas e os veciños. Só lles importan os seus cálculos eleitorais e manter algún señor que non ten outra forma de viver [en alusión ao portavoz do PP]. Este é o problema cando algunha persoa se converte en político profisional e abandona calquera outra profisión.

 

-En agosto de 2016, cando cesache por perda de confianza os concelleiros do PSOE e de Somos Fene, nalgún momento se che pasou pola cabeza que esa decisión podería abrir as portas a unha moción de censura ou non?

 

-Si, si, por suposto. Neste caso, tanto eu como os concelleiros que estaban comigo no goberno tiñamos clara unha cousa: estamos no goberno para gobernar e para tentar mellorar as condicións de vida das veciñas e dos veciños. Que ocorre? Que non estamos dispostos a estarmos na Alcaldía a calquera prezo. Nós sabíamos que se deixábamos facer aos grupos que estaban no goberno [PSOE e Somos Fene] pois non íamos ter nengún problema, estaríamos os catro anos, pero loxicamente non se estaría cumprindo aquilo que lles prometimos ás veciñas e aos veciños. Entón, perante esa elección, decidimos que o noso interese eran os veciños máis que o sillón da Alcaldía. E nese momento sabíamos que en calquera momento poderían poñerse de acordo co PP para facelo [para apresentar a moción de censura].