"Hai que facer unha reforma constitucional do Senado como Cámara territorial"
—Repite como candidato ao Senado. Que destacaría do seu traballo na pasada lexislatura?
Fun presidente da Comisión de Defensa, unha actividade nova e intensa pola guerra en Ucraína. Foi especialmente grato ser ponente da lei Loreg para restituír o voto aos emigrantes, retirado en 2010. Tamén levei unha moción para ampliar o dereito de nacionalidade aos netos dos nosos emigrantes, moi importante para min como fillo e neto de emigrantes.
—A chegada de Feixoo a Madrid e os cara a cara no Senado con Sánchez marcaron novas dinámicas na Cámara neste ano?
Cambiou a atención mediática unha terza feira ao mes. Ao principio Feixoo pedía comparecencias de Sánchez, a partir do primeiro deixou de pedilas, non saía ben parado. Eran os únicos momentos nos que o víamos no Senado. Non participou en nada, procuraba ir votar aínda que tamén faltou a algunhas votacións.
—Vostede ten ampla formación e experiencia política e institucional. Fallou a estratexia do PSOE no Goberno?
Estiven na administración Zapatero de xefe de gabinete de dúas Secretarías de Estado e do ministro da Presidencia, Ramón Jáuregui. No primeiro ano de Sánchez fun director de Asuntos Institucionais. Non creo que a estratexia estea equivocada politicamente, hai unha lección sobre a necesidade da presenza nos medios do presidente moito máis directa. O PSOE sempre foi un partido permeábel a aprender dos erros.
—Vistas as enquisas e a marcha da campaña, cal será o resultado máis probábel o 23 de xullo?
Creo que hai unha maioría de centro-esquerda. Historicamente cando se mobiliza o electorado progresista suma máis que o electorado de dereitas. O problema o 28-M foi a división de forzas. A chave está na fragmentación do electorado e nos que quedaron na casa, sumando iso hai unha expectativa real de que o PSOE gañe as eleccións e haxa maioría para gobernar, estou convencido. Penso que Feixoo vai perder, as últimas alianzas explícitas coa extrema dereita cambian o escenario. Non o vexo o líder consistente que presumía ser.
—O 24 de xullo se vostede repite coma senador, que levará na carteira coma primeiras iniciativas para que Galiza estea presente no Senado?
Vou levar o meu empuxe en materia de infraestruturas, industria e rural. O Senado debe gañar como Cámara de presenza territorial. Debería haber unha reforma constitucional para potenciar o Senado no sentido do Bundesrat alemán. Esta reforma permitiría aos Gobernos autonómicos moita máis presenza. O gran traballo do Senado debería ser ese.