O home de Iglesias en Madrid obtén unha plusvalía de 30 mil euros cunha vivenda protexida

Ramón Espinar promete o seu cargo no Senado

En 2010 Ramón Espinar, portavoz de Podemos no Senado, mercou unha vivenda protexida por 146.224 euros. Un ano despois, e sen tela ocupado, vendeuna por 176.000. Obtivo unha plusvalía de 30 mil euros.

Esta operación inmobiliaria -desvelada pola SER, non ten problemas de legalidade, mais si tal vez confronta cos estándares éticos de Podemos. En realidade, Espinar solicitou vender a morada ás poucas semanas de a ter mercado. Se renunciase a ela, podería ter permitido que calquer solicitante de vivenda protexida accedese á morada a un prezo por debaixo do mercado. Non o fixo e grazas a iso embolsou unha plusvalía de 30 mil euros.

Espinar mercou a casa cunha entrada de 52.000 euros e unha hipoteca de 90 mil. Nese momento era estudante universitario e non tiña ingresos. O político de Podemos declinou precisar como obtivo o diñeiro que lle permitiu financiar a casa. O que é evidente é que nunca tivo interese en ocupar a vivenda, pois, ás poucas semanas de a mercar, solicitou á comunidade autónoma de Madrid permiso para a vender.

Resta agora por ver que influencia pode ter este asunto na campaña interna que enfrenta Espinar, representante de Pablo Iglesias, na loita co sector errejonista polo control da organización madrileña.