“Ou a hora dos pobos, ou tiranía dos mercados”

Xavi Campos, do BNG, en Donostia.

O acto conxunto en Donostia entre Bildu, BNG e CUP -que malia non formar parte da coalición, xa que non se presenta, dixo estar en “completa sintonía” con Os Pobos Deciden- converteuse nun canto á solidariedade internacionalista contra a Troika gobernante. Vídeo de Xavier Campos no interior.

 

Josu Juaristi (Bildu), Xavier Campos (BNG) e David Fernández (CUP) foron os tres oradores que participaron en Donostia nun acto electoral de Os Pobos Deciden, a coligación que une ás dúas primeiras forzas e da que a CUP non participa -decidiu non concorrer a estes comicios- pero coa que segundo o seu parlamentario, “están en completa sintonía”.

Campos, membro da Executiva do Bloque, asegurou ante un ateigado recinto que “a Unión Europea é intrinsecamente antisocial e antidemocrática, responde aos intereses dos lobbys e grandes poderes económicos e actúa en contra dos pobos e as persoas”. “Queremos levar unha voz polo dereito a decidir, e decidir quere dicir neste momento termos capacidade real de opoñerse ás políticas neoliberais imperantes e poder levar a cabo políticas confrontadas con elas”, engadiu.

"Din os españois que se Catalunya se independizar, tería que deixar a UE. Eu díxenlle de brincadeira a David Fernández: esa é unha oferta, un 2 por 1, imposíbel de rexeitar"

"Din os españois que se Catalunya se independizar, tería que deixar a UE. Eu díxenlle de brincadeira a David Fernández, pois esa é unha oferta, un 2 por 1, imposíbel de rexeitar", brincou o membro da Executiva Nacional do BNG.

O candidato de EH Bildu, Josu Juaristi, afirmou que a súa forza política “quere camiñar cara á independencia da man do pobo galego e catalán. Seremos na UE a voz en defensa dos dereitos que como pobo e persoas nos corresponden e como non, tamén queremos ser a voz en Bruxelas da Galiza e os Països Cataláns rebeldes”.

Por último, David Fernández, da CUP, dixo estar en “completa sintonía crítica aberta á UE neoliberal e antisocial da fraude, a débeda, as desigualdades, o paro e a exclusión” da candidatura, á que lle desexou os mellores resultados. “Ou a hora dos pobos, ou a tiranía dos mercados”, concluíu