CONTINúA O DEBATE PRE-CONGRESUAL

Iglesias non quere ir ás locais como Podemos, con independencia do que digan os círculos

Foto tirada do Facebook de Podemos.

O núcleo dirixente de Podemos defende a integración nas municipais en iniciativas estilo Gañemos e, en troca, presentarse coa marca propia ás eleccións autonómicas

 

O grupo promotor de Podemos -unha sorte de pais fundadores da formación emerxente- acha que non se dan as condicións para a organización se presentar como tal nas eleccións municipais. Non queren exporse a que unha mala xestión local fixera derramar o capital político acumulado nas europeas de maio deste ano (bastaría con que "en dous ou tres deses 8.177 municipios [os que hai no Estado español] houbese actuacións impropias, concelleiros que rachasen coas liñas de Podemos e faltasen ao seu compromiso cidadán" para que "a maior parte dos meios de comunicación" batesen contra a organización, argumentan). O obxectivo estratéxico, ao que Podemos quer supeditar todo o demais, son as eleccións xerais do novembro de 2015. Podemos, afirman, quer construír un “pobo soberano”.

Isto significa que -de acordo cun documento asinado por Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Juan Carlos Monedero, Carolina Bescansa e Luis Alegre e que será submetido á consideración da asemblea constitutiva de Podemos, a realizar en novembro- a decisión de presentar candidaturas nas muncipais non debería descansar “en cada círculo”.

“Debemos ser responsábeis”, argumentan, “e non deixar aberto un flanco que poda debilitar o instrumento político máis poderoso que existe hoxe para lograr a recuperación da soberanía popular”. E esclarecen: “A decisión tampouco pode depender de cada círculo, aínda que constitúan o núcleo e a seiva da organización”.

Non haberá, portanto, toma de decisión de abaixo a arriba. A cúpula dirixente xa ten a súa aposta, non presentarse como Podemos ás municipais, e tenciona que esa proposta sexa refrendada pola asemblea da formación en novembro.

“A decisión tampouco pode depender de cada círculo, aínda que constitúan o núcleo e a seiva da organización”

Que faría entón Podemos nas municipais, de prosperar esta proposta, cousa practicamente segura dado que o núcleo dirixente carece de calquer tipo de contrapeso na nacente organización? Pois integrarse en “iniciativas municipalistas”, do estilo das que se amparan baixo o paraugas xenérico de Gañemos, que, afirman, se inscreben na “mesma fenda aberta por Podemos nas eleccións europeas”, guiadas por un “espírito similar: recuperar a política para a xente e construír ferramentas para pór de novo as institucións ao servizo do ben común”.

As autonómicas, unha historia distinta

As autonómicas a realizar tamén en maio de 2015 son historia distinta para o núcleo dirixente. Aí está en xogo consolidar a marca e colocala nas mellores condicións posíbeis para enfrentar as eleccións xerais.

“As eleccións autonómicas son un espazo privilexiado para representar a escala autonómica o que a nosa candidatura ao Parlamento europeu representou o 25 de maio. Poden e deben ser a mellor maneira de que Podemos estea presente e mostre a súa forza nas eleccións de maio de 2015, coa vista posta nas eleccións xerais previstas para novembro de 2015”, salientan.