Sesión de investidura

Iglesias, a Rajoy: "Levan de candidato na Galiza o amigo dun narcotraficante"

Alexandra Fernández, nun momento da sesión

Cero alusións a Galiza no discurso de Rajoy desta terza feira. O país apareceu na sesión por vez primeira en beizos do líder de Podemos: "Levan de candidato na Galiza o amigo dun narcotraficante".

A alusión directa do líder de Podemos e as confluencias ás amizades perigosas de Feijóo non foi contestada na quenda de réplica por Rajoy.

A precampaña das galegas tomou por uns instantes o Congreso como cenario, da man non só de Iglesias, senón tamén de Alexandra Fernández, de En Marea, quen por espazo duns 5 minutos interveu como coportavoz do grupo confederal de Podemos.

A parlamentar de Anova acusou Rajoy de "desprezo ao autogoberno, polo idioma e cultura da terra en que naceu" e, xa en aberta perspectiva eleitoral, proclamou que o 25S verá a "derrota do PP", de forma que a Galiza será "vangarda política na unidade da esquerda transformadora".

Rajoy respondeu que el tamén quer "a miña terra" e que simplesmente hai distintas formas de concebir Galiza.

Argumentou que até o de agora o PP sempre gañou as eleccións galegas e que iso ha de querer dicer algo.