Ignacio Ramonet súmase á “dinámica de unidade en respaldo a Ana Pontón”
“Como galego de Redondela e da nosa nobre e sufrida diáspora”, fundamenta o xornalista
A candidatura de Ana Pontón a presidir a Xunta da Galiza sumou, nos últimos días, o apoio de persoeiros e colectivos de distintos ámbitos. Entre eles, o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel que, aínda recoñecendo non ter “o costume de apoiar candidaturas electorais” decidiu apoiar a do BNG porque a Galiza “é a súa segunda patria” e considerou “necesario implicarse fronte ao avance do neofascismo no mundo”.
Tamén o ex alcalde de Cádiz José María González ‘Kichi’, como “fillo orgulloso da diáspora galega” mandou esta cuarta feira “todo o seu apoio a Ana Pontón e ao BNG”. Precisamente, a formación da que forma parte Kichi, Adelante Andalucía, emitía no mesmo día un comunicado de apoio a Ana Pontón como centro da “esquerda transformadora e do soberanismo popular”, confiando en que “será a próxima presidenta da Xunta da Galiza”.
A esta listaxe sumouse nesta quinta feira o xornalista e catedrático de teoría da comunicación Ignacio Ramonet. “Como galego de Redondela e da nosa nobre e sufrida diáspora, doulle o meu apoio a Ana Pontón e ao BNG”, explica nunha publicación no seu perfil da rede social X.
Ramonet lembra tamén “o seu amigo Beiras” para sumarse “con entusiasmo á actual dinámica de unidade en respaldo a Ana Pontón”. “Galiza reclama cambio. Xa é hora!”, conclúe o ex director de Le Monde diplomatique.
‘Polo cambio galego!’
Precisamente, Xosé Manuel Beiras e o actual portavoz de Anova, Martiño Noriega, implícanse na campaña do BNG e participarán coa súa candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun acto esta sexta feira en Compostela. Será a partir das 17.30 horas no Hotel Compostela e moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro.
"O vindeiro venres, en formato 'desenchufado', o irmán Beiras e eu estaremos á beira de Ana en Compostela, alentando ventos de cambio para o noso país", publicou na súa rede social Martiño Noriega esta cuarta feira, así como as contas oficiais de ambas as formacións, baixo o epígrafe 'Polo cambio galego!'.
Toma concreción así o acordo asinado o pasado 14 de xaneiro entre o BNG e Anova e polo cal, entre outras cuestións, desde a Irmandade Nacionalista chamábase a concentrar o voto en Ana Pontón de cara ao 18-F.