O PSdeG cuestiona a transparencia das contas do Sergas

Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

O PSdeG cuestiona as contas do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os socialistas denuncian o escaso investimento da Xunta da Galiza en materia sanitaria.

A portavoz de Economía e Facenda do PSdeG, Patricia Igrexas, manifestouse este domingo moi preocupada pola situación financeira do Servizo Galego de Saúde (Sergas)

A deputada socialista criticou que o Sergas “segue sen contar con sistema de contabilidade integral, a pesar de xestionar o 40 % dos recursos”. Nesta liña, denunciou a falta de compromiso orzamentario coa sanidade do Goberno galego.

Aumenta a xestión indirecta

“É significativo”, sinalou Igrexas, que “a actividade hospitalaria con medios alleos nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense represente unhas porcentaxes próximas a 40 %”. Nesta liña, coincidiu coas criticas formuladas polos colectivos en defensa da sanidade pública.

Igrexas afeoulle a Rueda que a “Xunta siga carecendo dun plan de contabilidade pública adaptado ao plan xeral de contabilidade aprobado no 2010, como tampouco dispón dun plan estratéxico de subvencións”. Nesta liña, indicou que “o conselleiro de Facenda está obsesionado por que non se incremente o capítulo I” dos orzamentos relativo a persoal.

Non dispoñen de plan de choque para a masiva xubilación dos empregados públicos e os novos roles que deben terse en conta nunha xestión eficiente duns recursos humanos do século XXI”, asegurou Igrexas , quen apuntou ao novo escenario aberto “ante a irrupción da intelixencia artificial e as tecnoloxías da información e as comunicacións”.

Aumento da débeda pública

A parlamentaria do PSedG alertou que á Xunta da Galiza “fáltalle moito camiño por percorrer desde o punto de vista da calidade e da eficiencia no gasto público”.  Nesta liña, advertiu do incremento da débeda pública nun contexto de recortes sanitarios.